REDACCIÓN | Os representantes do Partido Popular de Galicia na Fegamp solicitan ao seu presidente, Alberto Varela, que recupere o camiño do diálogo e do consenso que existiu historicamente na institución logo de que o PSOE a convertera “nun lugar de conflito e confrontación permanente”.
Así o manifestaron hoxe a través dun rogo na Comisión Executiva, da que son membros o alcalde de Poio, Ángel Moldes, que exerce como portavoz e vicepresidente primeiro; a alcaldesa de Marín, María Ramallo; o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo; o alcalde de Cartelle, Jaime Sousa; a alcaldesa de Rábade, Remedios González; e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa. Anteriormente, mantiveron unha xuntanza coa secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o responsable de Presidencia do Goberno galego, Diego Calvo.
Durante a reunión da Executiva da Fegamp, os populares abordaron a situación actual do órgano de representación dos concellos que, en palabras de Ángel Moldes, consideran “moi afastada do espírito co que foi creada e que non é outro que defender o municipalismo desde o diálogo, o consenso e os grandes acordos”.
Poñen como exemplo a utilización das votacións como práctica habitual para sacar adiante determinados asuntos, en lugar de dialogar, escoitar todas as opinións e intentar chegar a consensos. Na opinión dos representantes do PPdeG, esta práctica “é un erro” porque “o único que están conseguindo é que a Fegamp non defenda por igual os intereses de todos os municipios galegos, senón unicamente daqueles onde goberna o PSOE”.
O que piden, polo tanto, é que os socialistas deixen de usar esta entidade de forma partidista e como plataforma para confrontar de xeito continuado co Goberno galego e solicitan así mesmo ao presidente da Fegamp “unha reflexión profunda sobre o conflito que tanto está a prexudicar ao municipalismo galego” que derive “nunha defensa dos intereses reais de todos os municipios galegos, con independencia de quen goberne”.