REDACCIÓN | O BNG celebrará o próximo 1 de decembro en Santiago a súa XVIII Asemblea Nacional, baixo o lema Coa túa forza, Galiza gaña, co obxectivo de seguir ampliando a súa base social para liderar en 2027 a transformación dos concellos e en 2028 o Goberno galego.
Así o indicaron a secretaria xeral de Organización, Lucía López Sobrado, e o secretario de Comunicación, Xavier Campos, na presentación dunha Asemblea Nacional á que a formación a chega “no mellor momento da súa historia”, destacaron, “cun caudal de apoio social coma nunca antes tivera”.
Un apoio social que confirma que a liña política seguida nos últimos anos “é atinada”, ao poñer no centro as cuestións que máis preocupan á sociedade galega, ofrecendo “respostas e alternativas aos problemas da xente no seu día a día”, e mantendo “a defensa dos intereses e do futuro do País”, afondou Campos.
Desde esta posición, incidiu, o Bloque encara a cita asemblearia co reto de seguir ampliando a base social do nacionalismo. Neste sentido, o secretario de Comunicación mostrou o convencemento da organización de que, mantendo esta liña de traballo, o BNG non ten “ningún límite” e vai ser capaz de “chegar a electorados de moi diferente natureza”, tal e como vén demostrando convocatoria electoral tras convocatoria electoral.
Unha idea que recolle o propio lema da asemblea, que sitúa ós galegos e ás galegas como protagonistas, indicando que “coa forza da militancia, do voto ao BNG e do conxunto da sociedade galega é o País o que gaña”. “Na nova etapa que comezará despois da asemblea, como fixemos nestes anos, imos seguir estando á altura de todas as esperanzas e de todas as ilusións que fomos capaces de xerar para a nosa sociedade arredor do BNG”, sintetizou Campos.
Nesta liña afondou tamén Lucía López ao subliñar que o BNG é hoxe “a principal forza política de transformación” en Galiza e “a única opción política que combina a defensa dos intereses do País cun proxecto político claro, decidido, sólido e que quere construír un futuro mellor para todas e todos”.
A secretaria de Organización indicou que o crecemento experimentado pola formación nacionalista “non é froito da casualidade”, senón do “traballo incansábel do conxunto da organización” que afronta a súa XVII Asemblea Nacional reafirmando o seu “compromiso con Galiza”. “Temos humildade, mais tamén temos ambición para construírmos esa Galiza máis libre, máis xusta e máis próspera”, sintetizou.
O BNG chega á asemblea “tras un proceso de análise e de debate participativo” ao longo de todas as comarcas do País e na diáspora nun proceso que rematará o 1 de decembro, explicou López Sobrado, quen agradeceu a implicación e apoio de toda a militancia e deu a benvida ás máis de 1.200 novas persoas que se incorporaron á organización desde a anterior Asemblea Nacional celebrada en 2021.
En relación á participación prevista na cita asemblearia, a secretaria de organización non concretou cifra de asistentes porque o proceso de inscrición permanece aberto explicando que, en todo caso, calquera militante podía acudir e participar solicitase ou non a súa inscrición previa.
“Imos facer balance do camiño percorrido mais, sobre todo, miraremos cara adiante co obxectivo claro de reforzar a nosa presenza social e institucional, co horizonte de reforzar a nosa presenza nos concellos nas eleccións municipais de 2027 e co horizonte posto nas eleccións galegas de 2028”, concluíu a secretaria de organización.