El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Pontón: "O reto é agrandar o BNG até convertelo na casa común de todos os galegos"

22-11-2024 18:46:33
A portavoz nacional, Ana Pontón.

REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou a súa candidatura á XVIII Asemblea Nacional para revalidar a confianza da militancia cun gran obxectivo: fortalecer a liña política que colocou ao BNG no mellor momento da súa historia, cunhas cotas de apoio social e electoral como nunca antes. 

“Hoxe somos a esperanza de todos os homes e mulleres que soñan con outra Galiza posible e chegamos aquí aplicando unha política nacionalista e cunha visión de ensanchar o BNG, mantendo firme o noso rumbo e sempre coa cabeza e co corazón neste País. Este é un gran éxito colectivo”, destacou durante a súa intervención acompañada dunha nutrida representación da lista que encabeza. 

O reto é seguir avanzando nesa dirección, “na dirección de agrandar o BNG, de conformar un BNG cada vez máis amplo no que colla a maioría social deste País”, recalcou, desde a clase traballadora ás persoas autónomas; desde as pequenas e medianas empresas ós sectores profesionais; desde a mocidade que desexa un futuro mellor, ás mulleres combativas por unha Galiza en igualdade ou ás persoas maiores que queren desfrutar dignamente da súa vellez, argumentou. 

“En definitiva, reforzar ao BNG como unha fronte ampla: somos a casa común do nacionalismo e o noso obxectivo é que a maioría social sinta ao BNG como a casa común dos galegos e das galegas”, destacou Pontón. Nese camiño, Pontón avoga por manter o rumbo que situou a formación nacionalista como alternativa real ao PP, tras recordar o difícil momento que atravesaba o Bloque cando en 2016 deu un paso adiante para asumir o liderado do BNG man a man cunha nova dirección, “porque sempre tiven claro que cunha liña política acertada o BNG tiña un gran futuro en Galiza”. 

“En definitiva, o que propoñemos desde a candidatura que encabezo é seguir centrando o traballo do BNG no que realmente lle da sentido á política: ocuparse dos problemas da xente e darlles solucións; fortalecer a liña política que nos deu os mellores resultados da nosa historia, agrandar o BNG até convertelo na casa común de todos os galegos e galegas que queren outra Galiza posible”, sintetizou. 

Mantendo os principios, aprendendo dos erros e cun discurso claro e actualizado, centrado nas preocupacións da xente, ofrecendo alternativas e solucións o Bloque logrou situarse como referente para unha parte da cidadanía cada vez máis ampla. 

Para seguir avanzando e sumando a proposta á militancia é continuar na mesma senda de traballo, “con acerto e xenerosidade, ampliando cada día a nosa base social, relanzando e agrandando o proxecto do BNG para  liderar este País”. Ese é o gran obxectivo dunha candidatura integrada por unha equipa  da que destacou a súa experiencia, con responsabilidade nas institucións,  en gobernos municipais, na propia organización e no traballo social e todas desde un denominador común, “o amor polo BNG e por Galiza”. 

Pontón destacou a radical pluralidade e democracia interna do BNG, que cualificou como unha “fortaleza” da organización e fixo un chamamento á militancia para que participe masivamente na cita asemblearia e á que pediu o apoio a súa candidatura, “porque con humildade, redobrando traballo e compromiso, imos seguir avanzando coa man tendida até ser a forza hexemónica capaz de darlle a Galiza o futuro que merece”. 

“Demostremos, unha vez máis, que somos unha gran organización, unha organización radicalmente democrática, plural e asemblearia”, concluíu.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias