REDACCIÓN | A Xunta de Galicia está a realizar un importante esforzo na mellora da competitividade do sector turístico galego como fórmula para optimizar o destino e facer da actividade turística unha fonte de recursos para o territorio. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou o Hotel Gran Proa de Poio, onde subliñou que entre 2024 e 2025, Turismo de Galicia destina 27,5 millóns de euros en distintas liñas para a modernización e mellora dos establecementos turísticos da oferta galega.
Precisamente, este establecemento de Poio foi beneficiario cunha axuda para a execución de actuacións de mellora de eficiencia enerxética. As obras conlevaron o illamento de fachadas e cambio de fiestras e tamén o recambio de radiadores. A actuación tivo un custe de 154.536 euros dos que Turismo de Galicia financiou o 54,74%.
O director de Turismo de Galicia salientou que esta liña de axudas, cuxo prazo remata o vindeiro 9 de decembro, supón un impulso importante para acometer actuacións que permitan unha maior eficiencia enerxética e garanten unha actividade turística máis sostible e respectuosa co medio natural. A Xunta destina 10 millóns a esta convocatoria, financiados con fondos europeos, e na actualidade xa se rexistraron 203 solicitudes.
Axudas para reformas
“Todo isto permitiranos avanzar cara a renovación da nosa oferta de establecementos turísticos”, subliñou Xosé Merelles antes de referirse tamén ao importante investimento previsto polo seu departamento para a creación de novos establecementos turísticos e a realización de obras de reforma e para renovar as infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración.
Ademais, Turismo de Galicia incluirá no futuro Plan de Termalismo unha convocatoria específica para a creación de novos establecementos termais e a mellora dos existentes. Neste conxunto de actuacións, a Xunta investirá en 2025 un total 14 millóns que se suman aos 3,5 millóns destinados a actuacións de mellora en establecementos turísticos durante este ano 2024.
Finalmente, o director de Turismo de Galicia quixo agradecer a complicidade do ámbito empresarial na procura dun turismo de calidade. Neste sentido, aludiu á resolución publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) deste mércores na que se conceden un total de 102 axudas a concellos, persoas físicas e xurídicas, das cales 88 corresponden a empresas turísticas, para contribuír a financiar os procesos de obtención ou mantemento da marca Q de Calidade Turística ou S de Sostibilidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española e a Sostibilidade (ICTES).