El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación aproba o Plan Único máis ambicioso: 86 millóns para os concellos da provincia

29-11-2024 15:51:02
Pleno da Deputación da Coruña.

REDACCIÓN | A Deputación da Coruña celebrou hoxe o pleno ordinario correspodente ao mes de novembro, no que se aprobaron importantes investimentos nos concellos da provincia, entre os que destaca o Plan Único (POS+) de 2025, cun orzamento récord de 86 millóns de euros, que foi refrendado por unanimidade da corporación. 

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que será “o maior orzamento inicial do POS+ dende a súa creación en 2017 e permitirá que os concellos dispoñan, a partir do 1 de xaneiro de 2025, dun 72% máis de fondos da Deputación para o financiamento de obras, servizos públicos ou programas sociais”, afirmou. 

“Comezamos 2024 cun Plan Único de 50 millóns e pechamos o ano cun excelente balance, máis de 100 millóns de euros investidos e 508 obras aprobadas, pero imos iniciar 2025 cunha nova aínda mellor para os concellos da provincia: o Plan Único con maior orzamento inicial da historia desta Deputación”, apuntou o presidente, que inicidiu na “contribución fundamental” do POS+ para que os concellos, incluso os máis pequenos, podan executar obras, mellorar as súas infraestruturas, ofrecer servizos municipais de calidade e mellorar a calidade de vida da veciñanza. 

Formoso subliñou que Plan Único consolidouse nos últimos anos como unha ferramenta esencial para os municipios da Coruña, xa que lles proporciona “un marco estable de financiamento e recursos económicos que poden xestionar con total autonomía”, permitindo atender as súas necesidades máis inmediatas e acometer proxectos estratéxicos a medio e longo prazo. Este modelo baséase autonomía municipal, recoñecendo que son os concellos, como administración máis próxima á cidadanía, os que mellor coñecen as necesidades e prioridades das súas veciñas e veciños. 

Cos fondos dos POS+2025, os concellos poderán abordar actuacións fundamentais en áreas clave como a mellora das infraestruturas públicas, incluíndo mellora de estradas e núcleos rurais e urbanos, sistemas de abastecemento e saneamento de auga, iluminación pública e equipamentos culturais e deportivos. Ademais, parte dos fondos (7 millóns de euros) destinaranse a reforzar os programas sociais municipais que contribúen ao benestar da poboación máis vulnerable. 

Outro dos aspectos máis destacables do Plan Único é a súa aposta pola simplificación administrativa, xa que integrou diferentes plans e liñas de financiamento nunha única convocatoria, facilitando aos concellos a xestión dos recursos e reducindo a burocracia. 

O Plan Único é o maior plan de obras e servizos das catro deputacións galegas e un dos máis importantes de España, con achegas económicas aos municipios que, ao final do ano, representan entre 90 e 100 millóns de euros anuais, case a metade do orzamento da Deputación da Coruña. En 2025, cun orzamento inicial de 86 millóns de euros prevese que o POS+ supere amplamente esa cifra. 


Importantes investimentos na comarca de Ferrolterra 

O pleno de hoxe deu tamén luz verde a importantes investimentos na comarca de Ferrolterra, todos eles aprobados por unanimidade. Entre eles destaca o convenio co Concello de Ferrol para cofinanciar as obras de renovación do alumeado do estadio municipal da Malata, que ascenden a preto de 1,5 millóns de euros, dos que a institución provincial financiará o 50%, 750.000 euros. 

Trátase dun investimento importante xa que permitirá adaptar o estadio sede do Rácing de Ferrol aos requerimentos esixidos por LaLiga EA Sports en HD (primeira categoría do fútbol profesional) conforme ao establecido no regulamento para a retransmisión televisiva dos partidos. 

En cada unha das catro torres instalaranse 27 proxectores, dispoñendo ademáis outros 120 repartidos no aleiro da cuberta. O sistema de alumeado incorpora un sistema de control centralizado DMX que permite a regularización e monitorización do sistema, así como a implementación de espectáculos de luces. 

No eido deportivo, o pleno aprobou tamén outros convenios cos concellos de As Somozas, para o financiamento das obras de renovación do céspede artificial do campo de fútbol Alcalde Manuel Candocia, cun investimento de 179.083 € e San Sadurniño para as obras de mellora da piscina municipal, con 50.000 euros de aportación provincial. 

No ámbito social, destaca a aprobación dun convenio por importe de 500.000 euros para colaborar coa Asociación Saúde Mental Ferrol Eume e Ortegal no proxecto e execución dunha residencia para atención a persoas con enfermidade mental no concello das Pontes. Os representantes da entidade, que seguiron a sesión desde o salón de plenos, aplaudiron tras a aprobación deste punto. 

Finalmente, dentro do Proxecto de Recuperación das Baterías de Costa de Ferrolterra, o pleno deu luz verde aos convenios cos concellos de Valdoviño e Ares para encomendarlle á Deputación as obras de acondicionamento e posta en valor do entorno das antigas militares baterías de Campelo (266.177 euros) e Bailadora (355.242 euros). 

O pleno aprobou unha declaración institucional con motivo do 25N, aprobou cos votos favorables de PSOE, BNG e AV e o voto en contra do PP unha moción en defensa da promoción do uso do idioma galego e rexeitou a moción do PP sobre abandono de animais domésticos. Enlace ás bases e distribución dos fondos





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias