El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Ana Pontón: "Imos a por todas"

01-12-2024 20:35:08
XVIII Asemblea Nacional do BNG.

REDACCIÓN | A militancia reelixiu a Ana Pontón como portavoz nacional co 84,14% de voto tras un proceso de votación de tres candidaturas, no que a lista encabezada por Noa Presas obtivo un 12,35% de apoio e a encabezada por Gustavo Barcia o 3,51%, nun exemplo de democracia interna dentro dunha organización na que militancia é quen máis ordena no BNG. Con estes resultados, a representación na Executiva Nacional é de 16, 2 e 1 respectivamente. 

No seu discurso de clausura, Pontón agradeceu a confianza para seguir liderando o Bloque ao lado de todas a persoas que a acompañan na nova Executiva Nacional, destacando que desta cita asemblearia sae un BNG “máis forte e máis preparado” para encarar o gran obxectivo: gobernar Galiza en 2028. 

Tras unha xornada de debate, agora toca “traballar todos e todas a unha” para seguir demostrando que o BNG é “imparable” e tendo en conta a responsabilidade que supón ser “a esperanza” de cambio político, como demostrou o resultado das eleccións do 18F. “Aí fóra hai moita xente mirando para nós e temos a responsabilidade colectiva de estar á altura desa confianza”, subliñou. 

“Aquí e agora o máis revolucionario que podemos facer polo País é gobernar, converter os soños en realidades e aínda que hai oitos anos ese soño era impensable hoxe témolo ao alcance da nosa man grazas a vós”, recalcou. Pontón fixo fincapé na urxencia de acabar co réxime absolutista do PP, “e darlle a este País un goberno leal a Galiza, que poña por diante os intereses dos galegos e das galegas para darlles unha vida mellor. É unha responsabilidade histórica que non podemos deixar pasar”, alegou. 

Para afrontar ese reto, da asemblea sae un BNG máis forte, coas portas abertas e a man tendida, preparado para seguir ensanchando a base social e electoral do nacionalismo, “até converternos no referente de todos os galegos e galegas que non se resignan a unha Galiza que esmorece, que vai a menos”. Tras converterse na única alternativa real ao PP desde a “firmeza” dos principios e aplicando unha política nacionalista, agora toca ir máis alá, proclamou, “agora toca gobernarnos nós a nosa terra”. 

Gobernar Galiza para acabar co espolio eólico, a destrución do territorio ou para frear a bomba ambiental de ALTRI; gobernar para salvagardar os servizos públicos e garantir o dereito a unha vellez digna; para darlle futuro á xente moza que hoxe ve truncados os seus proxectos de vida porque non pode pagar nin un alugueiro; gobernar para construír un País feminista de mulleres libres e iguais; para poñer fin á emerxencia lingüística; para darlle a Galiza a chave dos seus cartos e un status político de nación na as decisións relevantes estean nas mans da cidadanía galega, enumerou.  

Tres anos por diante para acadar ese obxectivo que require un proceso de acumulación: máis organización, máis traballo social e máis poder municipal para seguir demostrando desde os concellos o poder transformador do Bloque, explicou. Tres anos para seguir avanzando nun BNG máis forte, que acolla á maioría social deste País: a clase traballadora, ás persoas autónomas, ás pequenas e medianas empresas, á mocidade que desexa un futuro mellor ou ás mulleres combativas por unha Galiza en igualdade.  

“Imos seguir practicando a política con maiúsculas, a política das ideas, dos proxectos, a que pon ás persoas no centro, porque non estamos aquí para aceptar o que non podemos cambiar, senón para cambiar o que non podemos aceptar”, recalcou Pontón parafraseando a Ángela Davis. Tampouco o que pasa fora “das nosas fronteiras”, en referencia ao xenocidio do pobo palestino, nun contexto de imperialismo cada vez máis “agresivo” que o BNG condena.  


Recoñecemento ao traballo das militantes 

Pontón fixo un recoñecemento expreso ao traballo das mulleres do BNG, desde as militantes de base, pasando polas que se acaban de incorporar, ás responsables locais e comarcais, alcaldesas, concelleiras, parlamentarias, aquí, en Madrid e en Bruxelas, consciente de que, “en política, igual que na vida, tamén hai prexuízos que superar, teitos de cristal que romper e solos pegañentos que levantar. E imos facelo xuntas, desde o feminismo, até que todas sexamos libres e iguais”, destacou. 

A líder nacionalista apelou a non poñerse límites e a seguir coa mesma determinación de ir a por todas “que pon dos nervios ao PP” que volverá a aplicar o mesmo manual de sempre a base de mentiras co que intentarán “debilitar” ao BNG. “Fracasarán”, augurou Pontón, “porque terán enfronte un BNG máis forte, máis unido e con máis ilusión que nunca por transformar este País, un BNG sen límites, porque non se lle pode poñer límites ao amor, ao orgullo e a confianza que sentimos por Galiza”.  


Asemblea Nacional do BNG  

A portavoz nacional abriu a XVIII Asemblea Nacional do BNG cun sentido agradecemento a todas as persoas que loitaron e loitan para facer grande o proxecto político que representa o Bloque “no tempo e no lugar que fora, ás que levades unha vida de compromiso e ás que acabades de chegar, especialmente á xente moza que sodes garantía de futuro”. 

Un Bloque Nacionalista Galego que está no mellor momento da súa historia tras un “espectacular” avance social e electoral que Pontón atribuíu a dous factores: o traballo colectivo dunha militancia que nunca se rendeu, nin nos momentos máis críticos, e que está cada día ao pé do canón; e á liña política posta en marcha pola dirección que colleu as rendas en 2016, “unha liña clara e actualizada, unha maneira diferente de facer política, firme pero amable, centrada nos problemas e nas aspiracións da cidadanía”. 

Dous factores que explican que hoxe o Bloque sexa unha organización con máis iniciativa e impulso que nunca, cando hai apenas oito anos voces fóra e dentro daban ao BNG por amortizado. “Había quen propoñía retirarse ós cuarteis de inverno pensando que o barco non resistiría as tempestades da invernía; outros propoñían buscar un remolcador de empresa allea que nos levase directamente ao desguace. Oito anos despois, nin retirado nin desguazado senón un BNG con máis iniciativa e máis impulso que nunca”, subliñou. 

Aquel BNG “desorientado e confuso” convertido nun barco “á deriva con risco de afundirse” é hoxe a segunda forza política e a alternativa real ao PP, porque logrou enderezar o rumbo grazas a unha “tarefa colectiva” capitaneada por unha dirección “coral, forte e áxil”, recalcou Pontón, facendo un recoñecemento expreso a todas as persoa que integraron esa dirección “pola súa dedicación e bo tino na ponte de mando”. 

Como resultado dese acerto, o BNG de 2024 é máis forte “no organizativo, no social e no electoral”, explicou. De feito, sumou 1.400 afiliacións, participa e está implicado en todas as loitas sociais: defensa da sanidade e educación públicas, a denuncia do espolio eólico, o avance do feminismo, a lingua ou no momento social contra a bomba ambiental de ALTRI. E máis forte tamén no electoral, cun avance en todas as citas cos urnas: municipais, xerais, europeas e galegas co mellor resultado da historia do Bloque. 

Pero ese logro non lle fai caer ao BNG nin no conformismo, nin na compracencia porque o obxectivo non é limitarse a sumar máis deputados e deputadas senón disputarlle a hexemonía ao PP para liderar o goberno do País en 2028. Ese é gran obxectivo ao que Pontón emprazou a toda a militancia: “Neste momento histórico non hai nada máis revolucionario que chegar ao goberno para frear o espolio, normalizar a lingua, poñer o país a producir e conseguir un concerto económico ou un novo status de nación para mellorar a vida dos galegos e galegas”, proclamou. 

Liderar Galiza para endereitar a “desfeita” dun PP que goberna para as súas empresas amigas e para as multinacionais “que se forran a costa do territorio e dos nosos recursos”, coa complicidade dun presidente “desleal con Galiza”, denunciou. 

Para lograr ese obxectivo, o camiño é seguir sumando a máis persoas ao proxecto común, tras demostrar que cunha política nacionalista o BNG foi capaz de chegar a amplos sectores da sociedade galega, “e iso é o que pon dos nervios ao PP, que sabe que en Galiza só ten un rival: o BNG”, subliñou, deixando claro que a forza nacionalista vai ir a por todas. 


Portas abertas é sociedade galega

 “Imos a por todas cun BNG que hoxe é unha organización sólida e estábel, coas portas abertas de par en par á sociedade, porque todas as persoas que cren neste País, que traballan e loitan para erguelo, todas, absolutamente todas teñen cabida no BNG”, argumentou, ao tempo que explicaba que “a tarefa prioritaria é seguir dirixíndonos á sociedade coas mans abertas, cun sorriso nos beizos, con propostas claras e sen poñernos límites”. 


Pontón concluíu o seu discurso cunha dobre reflexión 

En primeiro lugar, cun recoñecemento expreso ao traballo das mulleres do BNG, destacando que o espectacular avance da formación coincide cun momento no que as mulleres “asumimos a parte que nos corresponde nos postos de responsabilidade” e, neste sentido, parabenizou “ás compañeiras que nestes oito anos traballaron tanto e tan ben na dirección do BNG”. Por iso, animou ás militantes a dar un paso adiante e asumir máis responsabilidades políticas dentro da organización. 

A segunda reflexión é que o BNG é unha fronte patriótica de afiliación individual, de tal xeito que, sen discutir nin minusvalorar ós colectivos, todas e cada unha das persoas que forman o Bloque están en igualdade de condicións e unha das tarefas prioritarias da organización debe ser incorporar á máxima actividade política a todas as persoas que conforman o Bloque Nacionalista Galego. 

Pontón concluíu a súa intervención de apertura expresando a súa seguridade en que da cita asemblearia sairá unha resposta colectiva “acaída ás tarefas e aos retos que temos por diante, polo ben do BNG e, sobre todo, polo ben da nosa nación”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias