REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, mostrou o seu convencemento de que a histórica manifestación contra Altri celebrada onte en Santiago, “a maior mobilización social no País despois de Nunca Máis”, vai supoñer, como o fixo esta última en 2005, “un gran paso adiante no cambio de ciclo que necesita Galiza”.
Pontón afirmou en rolda de prensa que os galegos deixaron onte “ben claro” que non están dispostos “a ter un goberno que traballa a favor de Altri e en contra das súas vidas”. “Estou convencida de que o Goberno de Rueda pagará moi cara a súa deslealdade con este país se decide seguir adiante coa traizón que significa Altri”, afirmou, logo de recordar como a mobilización de Nunca Máis puxo no seu día “punto e final a un ciclo político no que o PP pensaba que tiña todo atado e ben atado”.
A líder nacionalista reclamou ao titular do Executivo que se “baixe da súa prepotencia” e que “teña a humildade” de escoitar o “clamor social” que expresou con total contundencia, “desde a dignidade dun pobo”, que quere un futuro de progreso, traballo digno, coidar o seu territorio e o medio ambiente e defender a xente do rural e do mar “fronte á bomba ambiental da macrocelulosa de Altri”.
“Pídolle ao señor Rueda que se baixe da súa torre de marfil e que teña a humidade de escoitar aos miles de galegos e galegas que lle están dicindo que Galiza non pode ser o contedor dunha macrocelulosa que non queren en ningún lugar”, incidiu, para advertir a continuación que este é o modelo dunha industria “máis propias do século do XX que do século XXI”. “E nós non queremos retroceder, senón avanzar”, sintetizou.
A portavoz do BNG amosouse “orgullosa” de ter participado na mobilización, camiñando xunto aos miles e miles de persoas que deixaron moi claro onte que “hai un país en pé” que “non vai baixar os brazos” e que “non vai permitir que se atropele nin a súa dignidade, nin o seu futuro”.
“Non queremos que nos traten como unha colonia na que as multinacionais fan e desfán ao seu antollo, espoliando os nosos recursos e forrándose a costa da nosa riqueza natural, mentres que só nos deixan destrución do territorio e contaminación”, alertou sobre un proxecto megacontaminante que pon en risco 8.000 postos de traballo na comarca da Ulloa e na ría de Arousa.
Pontón tamén se referiu á campaña que están desenvolvendo tanto o PP como a propia compañía portuguesa e, neste sentido, afirmou que o que “pode ter moi claro o señor Rueda” é que non vai calar á sociedade galega “nin con toda a propaganda do Partido Popular nin con toda a propaganda da multinacional”.
“Poden encher o País con publicidade, empapelar Galiza con anuncios e propaganda, que non van ser capaces de tapar a verdade”, recalcou, para denunciar que a verdade é que o PP “quere darlle 250 millóns de euros a Altri” para colocar “unha bomba ambiental no corazón do País” que pon en risco máis de 8.000 empregos, o modo de vida da xente do rural e do mar e o medio ambiente”. En definitiva, engadiu, unha macrocelulosa que “está poñendo en risco o futuro de Galiza”.
Nesta liña, reiterou a proposta do BNG para destinar eses 250 millóns que o PP quere regalar á multinacional ao desenvolvemento de proxectos produtivos na comarca da Ulloa e Arzúa, a recuperar o río Ulla e a rexenerar a ría de Arousa, dado que isto é a “maior fonte de vida e o maior proxecto tractor que pode ter o País”.
A preguntas dos medios sobre un posible PERTE para Altri, a portavoz nacional dixo esperar que o Goberno de Pedro Sánchez “escoite o clamor social” da cidadanía galega, e non ao “tándem PP-Altri” que lle está pedindo eses 250 millóns para financiar “unha bomba ambiental”. “Espero que o señor Sánchez escoite a voz dos galegos e das galegas e non a ese tándem Partido Popular-Altri e que vexamos como este proxecto non segue adiante”, indicou.
Tamén a preguntas das e dos xornalistas, Pontón negou como pretende facer ver a multinacional que a sociedade non entende o proxecto e ten unha mala percepción do mesmo. “Non hai que faltar o respecto á cidadanía deste país que sabe perfectamente que Altri é unha bomba ambiental colocada no corazón do noso rural”, advertiu. “A cidadanía galega é unha cidadanía madura que non traga coa propaganda, nin do Partido Popular, nin de Altri”, concluíu.