El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

GALICIA | INVESTIGACIÓN

Investigadores galegos do CITMAga logran importantes avances no tratamento personalizado de pacientes con vertixe persistente, un trastorno incapacitante

Están a realizar con éxito ensaios clínicos nos hospitais universitarios de Santiago, Lugo e Pontevedra.

07-01-2025 11:25:11
Investigadores galegos do CITMAga.

REDACCIÓN | O CITMAga -Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia-, impulsado polas tres universidades galegas, integra todas as capacidades científicas desta disciplina na nosa comunidade. Cun impacto cada vez maior nos ámbitos académico, social e económico, e cunha clara aposta pola transferencia de coñecemento á industria, estase a converter nun referente nacional e internacional. 

Un dos proxectos no que está a traballar o CITMAga céntrase na procura dun tratamento personalizado para os pacientes que presentan vertixe persistente. Está coordinado por Alberto Pérez Muñuzuri, xunto a Ismael Arán Tapia, da facultade de Física da Universidade de Santiago. Os ensaios clínicos estanse a realizar en colaboración cos xefes de servizo de Otorrinolaringoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Andrés Soto; do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo (HULA), Marcos Rossi Izquierdo; e do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, Ismael Arán González. 

Tal como explican os investigadores, a orixe deste trastorno atópase no oído interno, que contén tres canles semicirculares, responsables da orientación nas tres direccións do espazo e que, polo tanto, contribúen ao equilibrio. Nas persoas que sofren vertixe, prodúcese unha estimulación incorrecta destas canles ao cambiar a posición da cabeza, o que lles provoca unha falsa sensación de movemento ou de rotación. Este trastorno adoita desenvolverse cando algunhas das partículas de calcio se desprenden do seu lugar habitual no utrículo e se introducen nas canles semicirculares. Estas partículas alteran o movemento do líquido endolinfático presente no interior dos canles cando a cabeza cambia de posición. Como consecuencia, o cerebro recibe unha información contraditoria, o que provoca que as persoas afectadas experimenten a sensación de estar caendo ou de que todo se move ao seu redor. 


Unha xeometría especial nas canles do oído 

A solución é sacar as boliñas dese labirinto, polo que cómpre coñecer en que canle están. “O problema xorde no caso das persoas que teñen unha xeometría particular nas canles do oído, de xeito que as manobras habituais que se empregan para pacientes con vertixe non funcionan para elas” -salienta Muñuzuri-. 

“Para resolver este problema, a través dunha proba médica non invasiva como é unha resonancia magnética, xunto a avanzadas técnicas de procesado de imaxes, obtemos unha imaxe en 3D da xeometría das canles interiores do oído. De aí extraemos a información necesaria que nos permite desenvolver algoritmos baseados en intelixencia artificial e machine learning, co fin de poder modelar e simular a dinámica do líquido endolinfático e a súa interacción coas partículas de calcio desprendidas, responsables da vertixe” -explica o investigador do CITMAga-. 


Os investigadores realizan as simulacións no Centro de Supercomputación de Galicia 

Por un lado, o equipo desenvolveu unha ferramenta que permite reconstruír a canle membranosa por onde se move o fluído. O seguinte paso foi incluír nesta ferramenta as ecuacións matemáticas do movemento do fluído e das partículas, de cara a simular e resolver o problema, co propósito de poder aplicar tratamentos personalizados a estes pacientes. Os investigadores realizan as simulacións no Centro de Supercomputación de Galicia -Cesga-. 

O equipo dispón dun sillón especial, doado de xirar, de xeito que os médicos poden poñer ao paciente na dirección desexada. “Este sillón permítenos seguir as indicacións proporcionadas polas simulacións con gran precisión. Ademais, grazas a unhas gafas especiais, podemos ver se o tratamento se está aplicando correctamente” -indican-. 

Os investigadores están a realizar un estudo clínico con pacientes afectados por este trastorno nos complexos hospitalarios universitarios de Santiago, Lugo e Pontevedra; logrando a curación na maior parte dos casos considerados ata o momento. “Resulta moi gratificante axudar a persoas que padecen un problema tan incapacitante, xa que calquera movemento da cabeza pode producirlles mareos, co cal non poden conducir, traballar… nin estar sós porque poden caer” -manifesta o investigador-. Agora buscan o interese e a colaboración doutros centros hospitalarios doutros puntos de España e do norte de Portugal. 

“O noso grupo de investigación é experto en dinámica de fluídos, así como no procesamento de imaxes no eido médico. Neste sentido, a partir de imaxes médicas podemos reconstruír xeometrías 3D de interese sanitario e, dado que conteñen fluídos, simular a dinámica dos mesmos para construír un xemelgo dixital do sistema e contribuír así ao coñecemento e á mellora de doenzas diversas” -destaca Muñuzuri-.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias