El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

GALICIA | FITUR

Rueda reivindica Galicia como "terra acolledora" e destaca o peso do turismo procedente de Madrid

Galicia mostrará en Fitur máis de 40 presentacións.

21-01-2025 21:09:18
Galicia, en Fitur 2025.

REDACCIÓN | O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe Galicia como terra acolledora e hospitalaria, destacou que o turismo procedente de Madrid é fundamental para o sector en Galicia sendo a comunidade que máis viaxeiros aporta e apostou por seguir estreitando as relacións entre ambas autonomías. 

Durante o acto ‘Madrid, tengo algo que decirte’, que se celebrou na Casa de Galicia e no que participou o alcalde da capital española, José Luis Martínez Almeida, Rueda lembrou que máis de 1,2 millóns de turistas procedentes de Madrid visitaron a comunidade galega durante os dez primeiros meses de 2024. Ademais, 35.000 madrileños fixeron o Camiño de Santiago, o que sitúa a Madrid como a segunda comunidade con máis peregrinos, só por detrás de Andalucía. 

Rueda resaltou que Galicia e Madrid comparten o ser terras abertas e acolledoras que reciben cos brazos abertos a todos os que queiran vivir, traballar ou visitar o seu territorio. Nesta liña, lembrou que o 90 % dos galegos valora de forma positiva ou moi positiva a presenza de turistas e agradeceu aos madrileños a boa acollida que fan de todos os galegos que residen na capital. 

O presidente autonómico salientou a aposta da Xunta por seguir reforzando as relacións entre as dúas comunidades e, no eido do turismo, animou aos madrileños a seguir viaxando a Galicia porque cada visita pode ser unha experiencia nova e totalmente distinta á anterior. Rueda salientou os grandes atractivos desta terra como as rutas que conforman o Camiño de Santiago, o vindeiro Ano Santo que se celebrará en 2027, as praias, o patrimonio cultural ou a gastronomía. 


Maís turistas estranxeiros e unha maior desestacionalización 

Por último, destacou os bos datos do sector turístico en Galicia que permite seguir incrementando o número de viaxeiros de xeito ordenado. Os últimos datos, de 2024, revelan que sube o número de peregrinos -case medio millón o pasado ano-, medra o turismo internacional -os estranxeiros son xa a metade dos peregrinos e máis do 30 % do turismo de toda a comunidade- e refórzase a desestacionalización con máis visitantes nos meses de marzo ou novembro. 


Fitur 

Galicia chega á Feira Internacional Fitur cunha completa oferta que baixo o lema ‘Ya estás en Galicia!’ promete ás persoas visitantes un turismo baseado en experiencias vitais ricas e variadas. O evento celebrarase desde o próximo mércores 22 de xaneiro ata o domingo 26 no IFEMA de Madrid. Pódese consultar a programación para estes tres días en www.turismo.gal 

O expositor da comunidade, situado no pavillón 9, organízase baixo o lema ‘Xa estás en Galicia!’ e quere converterse na porta de entrada á terra para as persoas, profesionais e visitantes, que se acheguen a coñecer as propostas turísticas galegas. Unha oferta marcada pola variedade, pola posta en valor dos recursos naturais, patrimoniais e históricos e por un carácter propio no que destaca a faceta acolledora do pobo galego que deixa pegada en quen se achega a ela. 

Desde o mércores e ata o venres, Fitur estará unicamente aberto a profesionais do sector turismo. Ao longo destas tres xornadas, o stand de Galicia acollerá case medio centenar de actividades promocionais, mostras e faladoiros. Haberá citas organizadas por Turismo de Galicia e outros organismos da Xunta, así como propostas das Deputacións, concellos, xeodestinos, consorcios e outras organizacións vinculadas co sector. 

Entre as actividades previstas para estes días cabe destacar a sinatura do Memorando de entendemento Galicia-Jordania, que busca tender novas pontes entre estes dous territorios, así como o traspaso da coordinación da España Verde. A través da programación, buscarase potenciar a candidatura a Patrimonio Mundial da Ribeira Sacra, expandiranse as posibilidades do turismo vinculado aos Camiños de Santiago que percorren o territorio e abundarase no papel do clima como recurso turístico. 

As persoas que se acheguen durante estas tres xornadas ao stand da comunidade poderán coñecer propostas turísticas vinculadas ao patrimonio histórico e natural, pero tamén ao turismo deportivo, o cine, o arte, a artesanía, a gastronomía e a unha das grandes apostas da comunidade, o turismo termal. 

Sábado e domingo serán os días nos que Fitur se abrirá ao público xeral. Durante a fin de semana, a oferta do espazo de Galicia completarase con distintas demostracións e actuacións en vivo, vinculadas á cultura e a artesanía da terra.


Posta en valor do clima

Pola súa banda, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático estará tamén presente en Fitur para presentar a marca Galicia Refuxio Climático e o plan de xestión da Paisaxe Protexida Penedos de Pasarela e Traba, entre Vimianzo e Laxe. 

O primeiro evento servirá para expoñer o conxunto de actuacións coas que Galicia aspira a consolidarse como un lugar amable, sostible e saudable onde vivir e que se traducirá na creación dos primeiros pulmóns verdes urbanos, un dos proxectos de lexislatura da Xunta. En canto aos Penedos de Pasarela e Traba, declarados paisaxe protexida no ano 2008 e conformados por un conxunto de elevacións graníticas que se prolongan durante 2,5 km, aproveitarase Fitur para dar a coñecer un espazo natural único pola singularidade e valor da súa xeomorfoloxía, a riqueza da súa biodiversidade e a súa situación xeográfica privilexiada, que os converte nun balcón natural cara ao Atlántico.


Un espazo sostible  

Nunha aposta pola sustentabilidade, a Xunta adapta para esta edición da Feira o expositor que xa empregara o pasado ble..e que fora recoñecido como ‘Mellor Stand de Fitur 2024’. Esta adaptación pasa por un deseño actualizado e funcional, no que se integran paisaxes naturais de costa e interior e elementos do patrimonio material e inmaterial, o que reflicte a variedade de escenarios e a riqueza da biodiversidade da comunidade. 

Como ven sendo habitual, o espazo conta cun área específica de traballo e punto de encontro para facilitar as relacións profesionais e comerciais, ademais das destinadas á difusión da oferta turística. En total, son case 1.100m2, percorridos por máis de 25 metros de pantallas led, nos que se tentará transmitir as emocións que poderán sentir aquelas persoas que visiten Galicia.


Presenza noutras feiras

Fitur non é a única feira do sector na que a comunidade terá presencia durante o mes de xaneiro. Durante a segunda quincena do mes, Turismo de Galicia estará presente nas feiras de Finlandia e Irlanda. Con estas citas inaugúrase un calendario de compromisos que levará a promocionar Galicia en preto de 30 citas de ámbito nacional e internacional.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias