REDACCIÓN | A organización do festival de cine LGTBIQ+ da Coruña, que celebrará a súa terceira edición do 20 ao 22 de febreiro no Teatro Colón, tomou a decisión porque “cremos que é moi necesario que nomes como o de Trini non caian no esquecemento. O NCD é un festival reivindicativo. Pensamos que a memoria histórica é moi importante para non repetir os erros do pasado”, sinala Fernando Cayazzo, codirector do Norte Cinema Diverso.
Trini Falcés, falecida na Coruña en 2022 aos 80 anos, foi unha figura importante na visibilidade do colectivo. Estivo presa en campos de concentración franquistas e encabezou en 1977 a primeira marcha do Orgullo que se organizaba en España, concretamente en Barcelona, cidade na que residiu durante 30 anos. Recentemente, unha exposición na biblioteca municipal de Durán Loriga lembrou a figura e o legado de Trini.
A curtametraxe gañadora da primeira edición do Norte Cinema Diverso foi Una dedicatoria a lo bestia, de Nucbeade. En 2024 premiouse a curta portuguesa Um caroço de Abacate, de Ary Zara. Na edición de 2025, once obras optarán ao tradicional zoco da diversidade deseñado pola artesá Elena Ferro e que este ano se rebautiza como premio Trini Falcés.