REDACCIÓN | A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo (EASDMM) de Santiago de Compostela celebra o próximo xoves 20 a XV edición de Despunte, que este ano vai a máis transformándose na Semana Internacional das Artes e o Deseño da EASDMM, un punto de encontro para o deseño, a creatividade e a conexión internacional do alumnado. Ao fío do seu consolidado desfile, que xa na anterior edición se transformou nunha Gala.
"Integramos todas as actividades da escola nunha mesma semana, dinamizando o evento e fortalecendo os lazos con outros centros educativos europeos. Teremos con nós unha ducia de profesores docentes e relatores de países como Albania, Xeorxia, Mozambique, Cabo Verde, España, Gran Bretaña e Italia para compartir experiencias e enriquecer a formación do alumnado", explica Elisa González Penas, vicedirectora da EASDMM.
"O luns comezamos coa primeira edición da Xornada Internacional de Deseño de Moda no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC, cuxo tema é o 'Deseño Social'. O martes continuamos coa Xornada Internacional de Deseño centrada no 'Deseño de Produto'. Pola tarde, ás 18:00 horas, inaugurarase a exposición Despunte, que poderá visitarse durante uns 15 días. O mércores celebrarase a 'Mostra dos Oficios' dos ciclos de Ensinanzas Artísticas Profesionais, para dar a coñecer o traballo dos talleres artísticos (fotografía, técnicas escultóricas e xoiaría) a outros centros educativos e a sociedade en xeral", dixo.
O xoves é o día principal, no que se celebra a Xornada de Reclutamento de Talento, onde distintas empresas do sector se entrevistan co noso alumnado pola mañá. Pola tarde terá lugar a Gala, presentada por Diana Nogueira como na anterior edición, e que comezará co desfile e rematará coa entrega dos Premios Despunte aos mellores proxectos e coleccións deseñadas polos nosos estudantes.
Premios ao novo talento
A Gala Despunte culminará cunha entrega de premios que recoñecen o talento nas distintas disciplinas impartidas na Escola, grazas ao apoio de entidades como Coosy, Signus Ecovalor, Artesanía de Galicia, El Pulpo, Galicia de Moda, González Almacén Fotográfico, Paudepedra, Colexio Oficial de Xoiaría e o Departamento de Dinamización da Lingua Galega da EASDMM.
Os galardóns inclúen dotacións económicas de ata 1.500 euros, materiais especializados e oportunidades para participar en eventos de referencia como a San Telmo Fashion Week.O evento conta coa colaboración da Fundación Cidade da Cultura da Xunta de Galicia, a Fundación Eugenio Granell e a Facultade de Filosofía da USC, que ceden espazos emblemáticos para o desenvolvemento das actividades.