REDACCIÓN | (Noticia ofrecida por IdoVisual) / A actriz Susana Sampedro e o deseñador de son David Machado anunciaron hoxe as candidaturas finalistas da vixésimo terceira edición dos Premios Mestre Mateo, nun acto celebrado no Pazo da Deputación de Pontevedra.
Xunto ao anuncio de finalistas, a Academia Galega do Audiovisual desvelou que Teté Delgado será a encargada de presentar a gala que terá lugar o día 15 de marzo en Lalín e a coreógrafa Marta Alonso dirixirá o espectáculo baixo o lema de "o audiovisual en movemento".
A serie ‘Rapa’ e as longametraxes ‘As Neves’, ‘Honeymoon’ e ’+ Cuñados’ copan 40 das candidaturas finalistas. A serie producida por Portocabo é a produción máis votada polas académicas e académicos, con 18 candidaturas, empezando pola de Mellor serie de TV, que comparte coas producións de Vaca, 'Clanes' e 'El circo de los muchachos' e a producida por Undodez xunto a Televisión de Galicia, 'Bibopalula'.
‘Rapa’ tamén coloca a sete dos seus intérpretes como finalistas nas categorías de interpretación: Mónica López, Javier Cámara e Darío Loureiro en papeis protagonistas e Sheyla Fariña, Adrián Ríos, Diego Anido e Miguel de Lira en reparto. Pola súa banda, 'Honeymoon' coloca a tres dos seus intérpretes nas categorías finalistas, Javier Gutiérrez como protagonista e Antonio Durán "Morris" e María Vázquez en reparto. Completan as categorías de interpretación protagonista Federico Pérez por '+ Cuñados', Carmen Machi por 'Tratamos demasiado bien a las mujeres', Andrea Varela por 'As Neves' e Lucía Veiga por 'Na gloria', que tamén consegue ser finalista en reparto por 'As Neves'. Conclúe a candidatura de reparto María Pujalte por 'Clanes'.
As finalistas a Mellor longametraxe son 'As Neves', '+ Cuñados', 'Honeymoon' e 'Xustiza artificial'. Tres delas aparecen tamén como finalistas a Mellor dirección, Sonia Méndez por 'As Neves', Luis Avilés por '+ Cuñados' e Enrique Otero por 'Honeymoon' xunto con Jorge Coira e Javier Cámara por 'Rapa'. En Mellor documental están 'Aurora', 'Filmei paxaros voando', 'Salvaxe, salvaxe' e 'Prefiro condenarme', cuxo guión, de Margarita Ledo e Eva Veiga, tamén é finalista xunto cos traballos de Pepe Coira e Fran Araújo por 'Rapa', Roberto G. Méndez e Enrique Otero por 'Honeymoon' e Sonia Méndez por 'As Neves'.
Nas categorías técnicas están en Mellor dirección de produción Ana Míguez por 'Rapa', que repite xunto a Javi Lopa por '+ Cuñados', María Liaño por 'Clanes' e Nati Juncal por 'Prefiro condenarme', que tamén repite xunto a Silvia Fuentes por 'As Neves'. En Mellor dirección de fotografía compiten Alberte Branco por 'Prefiro condenarme', Jaime Pérez por 'Rapa', Lucía C. Pan por 'As Neves' e Sergio Franco por 'Honeymoon'. E en Mellor dirección de arte Andrea Pozo por '+ Cuñados', Curru Garabal por 'Tratamos demasiado bien a las mujeres', Elia Robles por 'As Neves' e Inés Rodríguez por 'Rapa'.
En Mellor Montaxe están Adrián Pino por 'Honeymoon', Gaspar Broullón, Lu Rodríguez e Jorge Coira por 'Rapa', Juliana Montañés por 'As Neves' e repite Lu Rodríguez por '+ Cuñados'. Pleno feminino nas categorías de maquillaxe e perruquería, con Fanny Bello, que dobra por '+ Cuñados' e 'Rapa' xunto con Sonia García por 'As Neves' e Susana Veira e Bea Antelo por 'Clanes' e vestiario, con Alicia Dapena por 'Rapa', Maite Tailonte por 'Tratamos demasiado bien a las mujeres', María Fandiño por 'Honeymoon' e María Porto por 'As Neves'.
Ao contrario, pleno masculino na categoría de Mellor son, con Carlos Mouriño por 'Clanes', que dobra xunto con Diego Staub e Pablo Rega por 'Honeymoon', David Machado, Javier Pato e Daniel Fernández por 'As Neves', Juan Gay e de novo Diego Staub por 'Rapa' e na categoría de Mellor Realización, con Adolfo Fernández de 'Recollendo músicas', Jairo Iglesias de 'Nosoutras', Marcos Nine de 'Historias de aquí' e Simone Saibene de 'Cinephilia'. Simone repite tamén na categoría de Mellor comunicador xunto con Estíbaliz Veiga, Juan Fuentes e Paco Lodeiro.
Oito curtametraxes compiten nas súas categorías, en imaxe real 'Nai', 'Platónico, plantónica', 'Pura' e 'Véxote' e en animación 'Avetimología'. 'Eu vou conmigo', 'Noites de prata' e 'Sinapse'.
Completan as categorías dos XXIII Premios Mestre Mateo a de Mellor serie web, onde están 'A moza que abortou e o contou', 'Poscoito', 'Pringadas' e 'Pulp Air'. En Mellor videoclip compiten 'Alentejo' de Baiuca, 'Hi, my love' de Sabela, 'Marimondra' de Mondra e Adela Otero e 'Quererse ben', tamén de Mondra. E a Mellor Programa están Cinephilia, Cos pés na terra, Nosoutras e Recollendo músicas.
Por último, os finalistas a Mellor anuncio publicitario son Arde LVCVS MMXIV; Cortello Club. Campaña contra a trata; Galicia sabe amar e Non pode ser máis de aquí.
Ao anuncio de finalistas acudiron tamén o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra; o director de proxección social da CRTVG, Xaime Arias; o director de Agadic, Jacobo Sutil; o alcalde do Concello de Lalín, Xosé Crespo Iglesias e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez. As premiadas e premiados daranse a coñecer na gala de entrega de premios que se celebrará o sábado 15 de marzo no Lalín Arena.