El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Besteiro acusa a Rueda de fomentar un modelo especulativo de alugueiro

12-02-2025 13:09:45
José Ramón Gómez Besteiro.

REDACCIÓN | O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, levou hoxe ao Parlamento “a voz da Galicia real”, esa que o PP ignora e condena a máis desigualdades. Fronte a un Rueda que se nega sistematicamente a contestar, Besteiro puxo sobre a mesa os problemas que afectan a miles de galegos, desde a dependencia ata a sanidade e, por suposto, a crise da vivenda, que xa é unha emerxencia para as máis de 19.000 persoas que agardan en Galicia por un fogar e que non poder facer fronte aos prezos actuais de aluguer. 

Besteiro comezou a súa intervención denunciando a grave situación das listas de espera na Dependencia, onde hai 4.000 persoas agardando por unha resolución que nunca chega. “Hai estudos que indican que só un 20% das persoas que teñen dereito a ela, a solicitan, porque saben que o sistema non funciona. A Xunta está bloqueando un dereito esencial”, criticou.O portavoz socialista tamén puxo o foco na Sanidade pública, lembrando e criticando as “irresponsables” palabras do conselleiro do ramo: "Están vostedes a un chisco de dicir que a xente enferma por deporte. Algo parecido pasou cando unha política do PP dixo que non era necesario atender a 7.000 maiores na COVID porque 'ían morrer igual’”. 


19.000 persoas esperando por unha vivenda mentres a Xunta segue sen actuar 

Tras repasar a inacción da Xunta en materia de dereitos sociais, Besteiro centrouse na grave crise da vivenda, onde máis de 19.000 persoas están en lista de espera para un aluguer mentres o PP leva 15 anos sen facer nada. “Cada día que pasa, a lista aumenta. Hoxe xa son máis de 1.000 persoas novas cada ano, tres cada día, sen acceso a unha vivenda digna", denunciou. 

Besteiro acusou a Rueda de fomentar un modelo especulativo onde os prezos se dispararon un 50% en 10 anos, mentres os salarios só subiron a metade. "O problema non é o número de vivendas, é o prezo. E vostedes non queren facer nada para regulalo", criticou. 

Fronte a esta parálise, Besteiro puxo sobre a mesa as propostas do PSdeG para garantir o acceso á vivenda como o Banco Público de Aluguer, no que a Xunta actúe como intermediaria para garantirvivendas a prezos accesibles (30% dos ingresos), ao tempo que ofrece seguridade e garantías aos propietarios. “Podemos incorporar rapidamente ata 5.000 vivendas no mercado de alugueiro coas ferramentas adecuadas. Só falta vontade política e iso é precisamente a que vostede non ten", subliñou. 


526 millóns de euros para vivenda: onde están, señor Rueda? 

Besteiro tamén esixiu que Rueda explique que fixo cos 526 millóns de euros transferidos polo Goberno de España para políticas de vivenda. " A realidade é que en 15 anos de goberno do PP vostedes no fixeron nada”, dixo. 

Para o líder socialista, o fracaso da política de vivenda do PP en Galicia ten responsables claros. “Agora prometen construír todo o que non fixeron en 15 anos. Pero a xente non pode esperar máis: as máis de 19.000 persoas en lista de espera precisan solucións xa. Señor Rueda, que pensa facer?”, concluíu Besteiro, reiterando o seu compromiso de levar a voz da Galicia real ao Parlamento e defender os dereitos das persoas que viven cada día as consecuencias das políticas clasistas do PP.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias