El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

NORTE CINEMA DIVERSO

17 títulos seleccionados para o festival Norte Cinema Diverso

A terceira edición se celebrará no Teatro Colón entre o xoves e o sábado.

19-02-2025 15:45:55
Zoco da diversidade.

REDACCIÓN | Capitanes, unha curtametraxe ambientada no transcurso dunha intensa semifinal da Copa do Rei de fútbol, inaugurará este xoves no Teatro Colón a terceira edición do festival Norte Cinema Diverso. 

Coa proxección de Capitanes ás 21:00 horas, a organización únese á celebración do Día Internacional contra a LGTBIfobia no deporte. A curtametraxe denuncia o silencio que condiciona a vida pública dos futbolistas homosexuais. 

A seguir, verase a curta arxentina House, a primeira das pezas do festival cunha protagonista trans. Fernando Cayazzo, director do Norte Cinema Diverso, comenta que “é o ano do T. Queremos darlles ás persoas trans a voz que merecen. En Norte Cinema Diverso este ano veremos moitas historias que nos achegarán as distintas realidades trans”. 

A primeira sesión rematará coa proxección do filme portugués Fogo-Fátuo, do director João Pedro Rodrigues. É unha comedia, con toques de musical, un tanto delirante: conta como o rei de Portugal, xa moribundo na segunda metade do século XXI, lembra que de novo, cando aínda era príncipe, quería ser bombeiro. Fogo-Fátuo recibiu o premio especial do xurado do festival de Sevilla. Durante os tres días do Norte Cinema Diverso proxectaranse tres longametraxes, outros tantos documentais e once curtametraxes. 

As entradas custan tres euros e pódense retirar en ataquilla.com ou no despacho de billetes ás portas do teatro. A sesión de curtametraxes da mañá do sábado será de balde. Entre todas as curtas seleccionadas para o festival elixirase, por parte dun xurado profesional, a gañadora do premio Trini Falcés, que levará o xa tradicional zoco da diversidade elaborado pola artesá Elena Ferro, este ano coas cores da bandeira do xénero non binario. 

Norte Cinema Diverso está organizado pola asociación Palestra, a cinemateca Pedro Zerolo e o concello da Coruña, coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual e a Universidade da Coruña.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias