REDACCIÓN | A derradeira xornada do festival coruñés Norte Cinema Diverso empezará coa habitual sesión de balde da matinal do sábado no Teatro Colón. A partir das 12:00 horas, poderanse ver o resto de traballos que optan ao Premio Trini Falcés á mellor curtametraxe, entre elas Ese lugar partido (da directora coruñesa Inés Pastor, que narra, a través de cartas, a historia de amizade de dúas persoas desde a súa infancia) e El que no se agache (do debutante director allaricense Agustín Segura, unha reflexión sobre as infancias cuir dun grupo de mozos e mozas).
Completan a sesión as curtametraxes españolas Leo y Los siento e a mexicana En blanco y negro. Ademais, fóra de concurso, estrearase a curtametraxe Ela e eu, realizada por alumnos e alumnas do Centro Privado Concertado Plurilingüe Andaina da Coruña, baixo a supervisión de Domingo D. Docampo, director do obradoiro de introducción ao cine con móbil, organizado polo festival.
Ás seis e media da tarde, con entrada tamén de balde, celebrarase unha charla con activistas como Federico Armenteros da Fundación 26D e cineastas convidados a esta terceira edición, entre eles os galegos Inés Pintor e Agustín Segura, o portugués João Pedro Rodrigues e os canarios David Velduque e Celeste González.
Ás 21:00 horas empezará a derradeira función de 2025, cunha gala presentada poladrag queen Hornella Góngora. Entregarase o premio Trini Falcés á mellor curtametraxe, que se volverá proxectar, e botaremos o pano ao festival coa longametraxe española Alguien que cuide de mí, das directoras Daniela Fejerman e Elvira Lindo, que debuta detrás da cámara.
As entradas para a sesión nocturna custan tres euros e pódense retirar en ataquilla.com ou no despacho de billetes ás portas do teatro. Norte Cinema Diverso está organizado pola asociación Palestra, a cinemateca Pedro Zerolo e o concello da Coruña, coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual e a Universidade da Coruña.