El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Pontón propón destinar o 1,5% do PIB

15-03-2025 17:44:56
Ana Pontón (2d).

REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo en Vigo destinar o equivalente ao 1,5% do PIB galego, arredor de 1.200 millóns de euros, ás universidades para corrixir dunha vez por todas o déficit que soporta o sistema universitario público, que considerou un motor fundamental no desenvolvemento económico, social e cultural do País. 

“Na universidade galega non chegamos ao 1% do PIB, estamos por debaixo da media estatal e europea, e creo que o noso obxectivo é situarnos entre os mellores porque a universidade é un motor fundamental para crear desenvolvemento e coñecemento e tamén para apoiar ao noso tecido económico”, afondou logo da reunión que mantivo co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, na que tamén participaron o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas, e a deputada Alexandra Fernández. 

Pontón incidiu na necesidade de reforzar o sistema universitario público e, no marco da negociación aberta para acadar un novo plan de financiamento das universidades galegas, cómpre achegarlles máis recursos para que poidan “realmente dar o mellor servizo á cidadanía e ao desenvolvemento económico, social e cultural de Galiza”. 

Neste sentido, e logo de agradecer o encontro ao reitor da UVigo, a líder nacionalista apuntou que é precisa máis ambición e non conformarse con chegar ao 1% do PIB, senón traballar para que no horizonte dos próximos anos o investimento na universidade pública chegue ao 1,5%, o que permitiría corrixir dunha vez por todas o déficit de recursos que soporta, incremento orzamentario que, avanzou, o BNG defenderá no Parlamento.  

“Son 1.200 millóns de euros á formación, á investigación universitaria, que é clave no noso país”, subliñou para indicar a continuación que, ademais, isto supón prestar tamén apoio a un tecido económico que, pola súa dimensión, “a veces non pode facer o investimento” preciso en innovación e desenvolvemento. “Creo que o público pode acompañar dunha forma en que iso reverta para a maioría social”, sintetizou. 

A líder nacionalista mostrouse preocupada polas decisións do Goberno do PP neste ámbito de actuación e criticou ao Executivo de Alfonso Rueda que, primeiro, aprobase a creación dunha universidade privada e, agora, que se estea “bordeando a legalidade vixente” aprobando novas titulacións nesa universidade privada. 

“Non entendemos como o señor Rueda pode avalar a creación de titulacións, como dereito ou psicoloxía, cando sabemos que estas titulacións xa existen no noso sistema educativo e que a lei di que non se deben de duplicar títulos nas universidades públicas”, reprochou. 

“Nós, desde logo, non cremos que esa deba ser unha liña de futuro”, engadiu para rematar reafirmando o compromiso do Bloque co sistema universitario público do País. “Temos claro que a universidade en Galiza é algo estratéxico no que temos que investir máis recursos, con grandes profesores e profesoras, grandes investigadoras e investigadores e cun alumando moi ben formado que debe ser moi relevante para o noso desenvolvemento”, concluíu.  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias