El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA | PSdeG

O PSdeG alerta do "interese desmedido" da Xunta por Altri

16-03-2025 14:47:43
Lara Méndez (1e), na Feira do Queixo de Arzúa.

REDACCIÓN | A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, alertou hoxe fronte ao “interese desmedido” da Xunta por levar adiante a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei en contra dos requisitos medioambientais, sociais e económicos. Méndez participou na concentración en contra do proxecto da multinacional portuguesa que tivo lugar hoxe en Arzúa, onde criticou o “escurantismo total” co que o goberno galego está a envolver o proxecto. 

A responsable socialista sinalou a falla de información ofrecida polo goberno galego respecto deste proxecto “dende o minuto cero”, como demostra que o que ía ser unha planta téxtil “agora é unha macrocelulosa”. Ademais, engadiu, unha iniciativa industrial que orixinalmente suporía a creación de 2.500 postos de traballos “cada día baixa o número de ocupados” previstos ata apenas uns centos. 

Apuntou que esta iniciativa incumpre os requisitos medioambientais, sociais e económicos, logo de que a Xunta dera o visto bo a unha Declaración de Impacto Ambiental -DIA- “chea de condicionantes” e que contradí as directrices e preceptos comunitarios, o que pon en dúbida que vai cumprir coas garantías medioambientais. 

Lara Méndez sinalou ademais á “contestación social moi importante” que está a espertar este proxecto en toda Galicia, con numerosas concentracións multitudinarias en tódolos concellos afectados. Finalmente, advertiu que os 250 millóns de euros de axudas que require este proxecto supoñen o 25 por cento do total do proxecto, o que provoca dúbidas razoables sobre a súa viabilidade económica. 

Méndez participou na concentración convocada pola Plataforma Ulloa Viva no concello de Arzúa xunto co secretario provincial do PSdeG da Coruña, Bernardo Fernández, e a segunda tenente de alcalde do concello, a socialista Begoña Balado. A continuación realizaron un percorrido polas casetas da 50 edición da Feira do Queixo de Arzúa.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias