REDACCIÓN | A pasarela da XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña está a destacarse como unha referencia nacional a nivel organizativo e de proposta visual, presentando desfiles estruturados, dinámicos e entretidos para o público, tanto para o máis experto como para os que se achegan por primeira vez ao mundo da moda.
A empresa Gubem Event, do vimiancés Damián Álvarez, é a encargada de organizar e coordinar estes desfiles. Farao por cuarto ano consecutivo e, como explica Damián, están “moi contentos de repetir, con moita ilusión e moitas gañas”.
Quen se achegue á Mostra durante a Semana Santa poderá desfrutar de desfiles, de mañá e de tarde, que, aínda que pertenzan a diferentes categorías, seguen un mesmo patrón: “deben ser un espectáculo, deben ser traballados, nós incidimos moito nas coreografías, nas luces e na música porque queremos que sexa un espectáculo moi dinámico e entretido de ver”.
“Animo ás persoas que nunca viron en directo un desfile a que veñan, estou seguro de que se van a quedar sorprendidos”, indica Damián, que fai referencia a que “o ano pasado na Mostra completáronse os asentos de casa todos os desfiles, con moitos ‘Sold Out’, e isto demostra que á xente lle interesa, agardamos repetir o mesmo este ano”.
Para iso, manterán a filosofía de “apostar, sobre todo, polo talento de modelos galegos” e para iso “identificamos figuras que poden chegar lonxe e dámoslles a súa primeira oportunidade con grandes firmas en Camariñas”. “Hai novos perfís moi interesantes e outros que repiten de anteriores edicións, o que nos da a seguridade de que vamos a ter un traballo profesional”, salienta.
“Como novidade, este ano estivemos organizando os desfiles de Despunte, da ESAD Mestre Mateo, e alí puidemos captar a varios perfís interesantes dos voluntarios que participan como modelos e que vamos a traer a Camariñas”, comenta.