El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación estréase en "Salón Gourmets" cun stand repleto de público durante a súa primeira xornada

07-04-2025 17:51:06
A Deputación, no Salón Gourmets.

REDACCIÓN | Dende hoxe, IFEMA convértese na capital mundial da alimentación e as bebidas de alta calidade coa celebración, ata o xoves 10, da 38ª edición do Salón Gourmets. Feira na que participa, por primeira vez, a Deputación, para promocionar a gastronomía da provincia cun stand propio no que están presentes 8 produtores locais na zona de exposición; e polo que pasarán outros tantos para ofrecer presentacións e degustacións, así como 3 chefs e 1 sumiller. 

En total, máis de 40 actividades conforman unha programación destinada a “dar a coñecer a nosa provincia a través da nosa gastronomía, que é agora mesmo o noso principal destino turístico”, sinalou o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, “e tamén poñer en valor toda a cadea agroalimentaria facendo un traballo excepcional, dun xeito sustentable tanto medioambiental como económica e socialmente”. “Capaces de crear produtos de elevadísima calidade que posteriormente os nosos restauradores converten en bocados únicos”. 

Esta primeira xornada comezaba no stand co olor a café de Cafés Lúa (Carballo), que ofreceu un almorzo a catro mans con Maruxas de Nata (San Sadurniño). Continuaba coas presentacións e degustacións de galletas Martietas de Fío (Bergondo);  A Despensa d´Lujo (Coristanco); Vermú Lodeiros e queixo Galmesán (Arzúa), que ofreceu a súa primeira degustación tras ser nomeado como mellor queixo de vaca de España no 15º GourmetQuesos, campionato dos mellores queixos de España 2025. O primeiro showcooking impartiuno naír González, do restaurante Muelle 43 (Mugardos), que conquistou os padais do público coa ameixa rubia da confraría de Barallobre. A cociñeira mugardesa compartiu fogóns con Antonio Amenedo, do restaurante Pazo de Santa Cruz (Oza – Cesuras), que ofreceu os tradicionais callos de Mondoi, e un cocido contemporáneo. 

Vánagandr tamén presentou a súa xenebra, “a mellor do mundo”, do mesmo xeito que o sumiller Alejandro Padín, que impartiu unha ponencia e cata sobre a “IXP Betanzos: os viños máis setentrionais”. O espazo da Deputación conta tamén cun espazo expositivo onde moitos destes produtores, así como A Conserveira e Empanadas Costumes Galicia ofrecen mostras dos seus produtos. 

Quedan aínda tres días de actividades con presentacións, degustacións, showcookings, catas... A cociñeira Alma García, do restaurante coruñés Greca completará durante o mércores e o xoves a programación de cociña en directo, complementando as actividades dos demais produtores e chefs.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias