REDACCIÓN | Cando se cumpre un ano da investidura de Alfonso Rueda como presidente da Xunta, o balance do seu goberno non pode ser máis decepcionante: cero proxectos, cero xestión e cero respostas aos problemas reais da cidadanía galega”.
A viceportavoz segunda do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, cualificou este ano de mandato como demoledor para Galicia. "Non só é que o PP non faga nada, é que o pouco que fai, faino mal. E non o dicimos nós: cada informe do Consello de Contas é unha labazada á xestión do Partido Popular, en sanidade, en transparencia, en financiamento local…", sinalou.
Advertiu tamén da preocupante falta de liderado de Rueda, máis centrado na súa imaxe pública e no control dos medios a través dunha nova lei que en exercer a presidencia da Xunta con responsabilidade. "Cando Galicia precisa un presidente que dea un paso adiante, Rueda agocha a cabeza", afirmou, lembrando a súa inacción ante cuestións claves como a condonación da débeda, na que simplemente obedeceu a Madrid, ou a crise dos aranceis, na que segue calado mentres outros gobernos autonómicos xa puxeron medidas enriba da mesa.
Durante a súa intervención, Lara Méndez puxo o foco nos dous temas que máis preocupan á cidadanía: a sanidade pública e o acceso á vivenda. A día de hoxe, dixo, “máis de 220.000 galegos e galegas están esperando por unha cita cun especialista, e case 51.000 por unha cirurxía. Falamos de persoas que viven con dor, con incerteza, que senten que a Xunta lles deu as costas. A atención primaria está colapsada, e en moitos centros de saúde non hai pediatras”, denunciou.
O PP nega a realidade aínda que lles caia o teito enriba
“Chegamos ao esperpento de escoitar a Rueda dicir que a sanidade funciona perfectamente… mentres se cae o teito do hospital de Ourense. Iso é o modelo do PP: negar a realidade aínda que lles caia enriba”, sinalou Méndez.
En canto á vivenda, a situación tampouco admite maquillaxe. Desde 2015, o prezo do alugueiro en Galicia subiu un 58%, mentres os salarios só medraron un 25%. A mocidade galega está obrigada a entregar case a metade do seu salario para poder alugar un piso. Isto é simplemente insostible para quen queira vivir con dignidade no noso país.
Fronte a este panorama, Méndez puxo en valor o traballo dos e das socialistas, que están nas rúas, nos concellos, no Parlamento e nas solucións. “Compartimos as inquedanzas da xente e non miramos cara outro lado. Mentres o PP dorme, nós propoñemos. Mentres outros fan cálculos partidistas, nós poñemos os intereses de Galicia por diante”, subliñou.
Apoio a Pilar Alegría
A deputada tamén trasladou unha mensaxe de apoio á ministra Pilar Alegría, tras facer públicos os insultos e ameazas machistas que está a sufrir nas redes polo simple feito de defender con convicción os valores que unen á familia socialista. “Por moito que algúns pensen o contrario, hai liñas que non se deben cruzar. Non todo vale. Toda a nosa solidariedade e apoio para Pilar”, concluíu.
Lara Méndez iniciou a súa intervención cun saúdo republicano, lembrando o 14 de abril como unha data para homenaxear a todas as persoas que loitaron pola liberdade, a solidariedade e a igualdade. Tivo palabras de especial afecto para as vítimas do franquismo, moitas das cales seguen hoxe nas cunetas, cun chamamento á memoria, á dignidade e á xustiza.
No caso dos aranceis, Rueda vai tarde, mal e a rastro
A preguntas dos xornalistas, a socialista referiuse tamén á xestión do Goberno galego ante a crise dos aranceis e a reunión que varios conselleiros terán hoxe en Santiago con parte do sector afectados. Lembrou que outras comunidades autónomas xa están a implementar medidas complementarias para apoiar os sectores afectados, mentres en Galicia seguimos sen noticias claras. “O señor Rueda convoca agora unha reunión, onde non vai a estar, que chega tarde e sen garantir que se vaian tomar decisións concretas.
“O noso portavoz, José Ramón Gómez Besteiro tendeulle a man para acadar acordos de país, pero Rueda prefire non sentarse a dialogar. Agora, sinalou Méndez, “ vai tarde, vai mal e vai a rastro. Isto tamén é un síntoma da falta de proxecto político para Galicia”, concluíu.