REDACCIÓN | A XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña está a piques de comezar. O evento, que se celebrará do mércores ao domingo, co lema ‘Un mar de piques’ busca salientar a forte conexión que existe na vila entre o mar e o encaixe, a natureza e a tradición.
A apertura da trixésimo cuarta edición da Mostra terá lugar o mércores ás 15:00 horas, momento no que se iniciará o tradicional encontro de encaixeiras e encaixeiros da Costa da Morte no que tamén participará o alumnado das escolas infantís municipais. O acto de inauguración coas autoridades será ás 16:30 horas. Logo, a partir das 18 horas, comezarán os primeiros desfiles: os máis pequenos do ‘PequEncaixe’ serán os encargados de pisar por primeira vez a pasarela e seguidamente os Grandes Deseñadores. Entre medias, amenizará a pasarela unha actuación de Fillas de Cassandra.
Durante os cinco días as firmas da categoría de ‘Grandes Deseñadores’, subiranse ás pasarelas da Mostra para amosar as súas creacións con encaixe: Ana Cabranes, Andion Clothing, Claudina Mata, Devota & Lomba, Franco Quintáns, Anamingo, Dolores Cortés, Esteban Freiría, Jose Matteos e OSE Couture.
O desfile de ‘ArtEncaixe’, que sigue afianzándose na programación, estrearase o xoves, ás 12:45 horas. Os artesáns chegarán de diferentes puntos de Galicia para demostrar que o encaixe é versátil e pode adaptarse a diferentes materiais: Alfarería La Cacharrera, Lola Logaro, Ondas do Mar, O Rulo, Suso Calo, Encaixa_T, Michael Pérez, Ana Miguéns, Estilo Aramar, Mariví Santos Atelier, Risco Estudio, Tendataller Feituras – María Canedo e Ene de Toba.
Ese mesmo xoves tamén debutarán as persoas participantes no XXXI Concurso de Noveis Deseñadores no que se repartirán un total de 4.500 euros en premios e participarán un total de 41 mozas e mozos que están a dar os primeiros pasos no mundo da moda. O venres ás 20:30 horas celebrarase o encontro entre grandes e noveis deseñadores e o domingo 20, a partir das 17:00, horas darase a coñecer o fallo do xurado.
A gran novidade desta edición, o desfile ‘Firma Emerxente’, poderá verse por primeira vez o xoves, 17 de abril, e repetirá o venres, 18 de abril, e o sábado.
Outro ano máis volverán á Mostra as delegacións internacionais. O venres ás 12:45 horas terá lugar o primeiro desfile das ‘Delegacións de encaixeiras internacionais’. Repetirán o sábado 19 ás 18:00 horas. Participan Arxentina (Buenos Aires), Bulgaria (Sofía), Hungruía (Kiskunhalas), Italia (Novedrate e Trapani), Portugal (Peniche e Serra D’El Rei), Polonia (Bobowa) e España (Arenis del Mar).
Un dos momentos máis agardados da Mostra son os desfiles do ‘Pequeencaixe’. As nenas e nenos das Escolas Municipais crean o seu propio encaixe durante todo o curso para posteriormente deseñar os vestidos e desfilar na Mostra. Convértense en palilleiras, deseñadores e modelos.
O mesmo ocorre no desfile de ‘Encaixeiras Senior de Camariñas’ que terá lugar o domingo ás 19:30 horas durante o acto de clausura do evento e no que veciñas e veciños do municipio amosan ao público as creacións que fixeron durante todo o ano.
Fillas de Cassandra, Budiño, Soledad Vidal, Rocío Camaño, David Amor e outras accións destacadas da programación
Este ano os asistentes poderán gozar da música do dúo vigués Fillas de Cassandra (o mércores ás 18:00 horas durante o desfile inaugural da Mostra), do concerto ‘Cantares Atlánticos’ da soprano Soledad Vidal e Aurelio Viribay (o xoves ás 20:15 horas); ou da actuación de Rocío Caamaño (venres ás 16:45 horas). O concerto de clausura da Mostra correrá este ano a cargo de Budiño (domingo ás 19:30 horas).
Ademais, continuando coa tradición dos últimos anos, poderán rirse a esgalla con David Amor e o seu monólogo ‘Love está en el aire’ que terá lugar o sábado, ás 20:30 horas na propia pasarela. Ademais, o venres ás 20.30 horas haberá teatro da man do grupo Os Contos non Enchen e a súa obra ‘First Lerias’.
Durante os cinco días escoitarase nos pavillóns da Mostra, mesturado co son dos palillos, o folclore das agrupacións Abrindo Rejo, Golpe de Mar, Con toda en banda, Vaiche Boa, Asociación Mar Devalado de Camelle e Asociación As Cansorriñas. Tamén o VIII Encontro de Corais no que participarán a Coral Polifónica Santa Cecilia de Coristanco, a Polifónica Alecrín de Brión (Ferrol) a Coral Brisas do Mar de Camariñas (domingo ás 12:30 horas).
Aproveitarase o evento para a presentación de libros e publicacións como ‘Homes e Mulleres de Sal e Ferro’ de Xesús Búa (xoves ás 12 horas), ‘Cantareiras’ de Icía Varela e Xosé Manuel Varela (xoves ás 12:30 horas), o libro ‘De niña artesana a mujer’ de Josefina Campaña (venres ás 12 horas), a guía ‘Camariñas, un mar de encaixe’ de Xan Fernández (venres ás 12:20 horas), a nova edición de ‘El Cementerio de los Ingleses’ de Alfonso de Sas (sábado ás 11:40 horas), e o libro ‘Mar de Ardora, Mar de Galicia’ da fotoxornalista Ana García (sábado ás 12:00 horas).
O acto de clausura da XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas terá lugar o domingo ás 19:30 horas.
‘Gourmet entre encaixes’
O Concello repetirá este ano na XXXIV Mostra do Encaixe De Camariñas Deputación da Coruña o ‘Gourmet entre encaixes’, un espazo dedicado ao sector alimentario no que se poderán instalar postos de venta ao público.
Esta nova zona, na que tamén se situará o bar da Mostra, terá unha decoración ambiental especial e contará cun espazo con mesas e cadeiras para que o público asistente á Mostra poida degustar alí mesmo os produtos que merque.
Durante toda a Mostra tamén haberá degustacións gastronómicas de polvo, a cargo de Frigoríficos de Camariñas (o venres ás 19:30 horas) e de rodaballo, a cargo de Stolt Sea Farm (o sábado de abril ás 14 horas). Tamén haberá demostracións artesanais e os pais e as nais poderán deixar aos máis pequenos no Parque Infantil con monitores cualificados.