El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

ENCAIXE DE CAMARIÑAS

"Un mar de piques" que encherá a Semana Santa na XXXIV Mostra do Encaixe Deputación da Coruña

16-04-2025 18:09:05
Valentín González Formoso (c).

REDACCIÓN | Arrinca a XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, unha edición que se celebrará desde hoxe ao domingo e que co lema ‘Un mar de piques’ busca salientar a forte conexión que existe na vila entre o mar e o encaixe, a natureza e a tradición. 

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua; o presidente da Deputación, Valentín González Formoso; a subdelegada do Goberno, María Rivas; e o director xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Gabriel Alén, foron os encargados de cortar a cinta de encaixe que, simbolicamente, dá o pistoletazo de saída á Mostra.  

Sandra Insua salientou que “esta Mostra, coma todas, é unha festa, si, pero tamén é unha homenaxe, un recoñecemento á nosa historia, á nosa tradición e, sobre todo, ás mulleres que fixeron posible que o encaixe de Camariñas chegase ata aquí”. “O que fan as nosas palilleiras é arte, é técnica, é herdanza e é futuro. Son mulleres valentes, sabias, decididas e libres, que souberon transformar algo doméstico nun elemento de vangarda, por iso dicimos que a Mostra é un acto de reivindicación feminista, porque aquí o protagonismo é das mulleres, das que estaban antes ca nós, e das que veñen detrás, aprendendo, orgullosas do que lles deixaron”, afirmou. 

No seu discurso, a rexedora tamén quixo facer un recoñecemento “a todas as persoas que traballan no noso mar. Esa xente que, en silencio, ergue Camariñas día tras día. Con esforzo, con humildade e cun orgullo que non se anuncia pero que se sente”. 

“Estou especialmente orgullosa de que este ano a imaxe da Mostra estea feita por xente da Costa da Morte. Un cartel marabilloso da ilustradora ceense Laura Suárez, un vídeo precioso dirixido polo camariñán Diego Alonso, coa música dos nosos queridos irmáns Fran e Carlos Barcia Trashorras e coa voz da nosa veciña de Buría, Carla Valiña”, explicou. 

Ademais, Insua lembrou que “durante estes cinco días Camariñas volverá a ser capital nacional da moda, o encaixe xa non é só tradición, é vangarda, é arte, é deseño, é moda urbana. E por iso seguiremos sorprendendo, porque Camariñas é capaz de unir o antigo e o novo, o oficio e a innovación, o local e o internacional”. 

Tamén agradeceu o “apoio constante da Deputación da Coruña que desde hai anos forma parte do nome oficial da Mostra. Grazas polo compromiso, pola aposta pola nosa cultura e pola confianza nun pobo pequeno, si, pero cunha alma inmensa tecida a palillos”. 

Pola súa parte, Valentín González Formoso, indicou que “este é un evento que xa non pertence só a Camariñas, senón que é un símbolo recoñecido da cultura galega e unha referencia internacional da artesanía con alma”. “Desde a Deputación da Coruña levamos máis de trinta anos apoiando esta mostra porque sabemos o que significa para Camariñas, para a Costa da Morte e para Galicia Enteira. Sentimos que apoiar o encaixe é apoiar o territorio, é xerar actividade económica e defender un xeito de facer e de ser que nos define como pobo”.  

Gabriel Alén destacou que “o encaixe abandeira a artesanía non só de Camariñas, de todo Galicia polo mundo adiante” e fixo un recoñecemento “a aquelas persoas que poñen en valor o encaixe, especialmente mulleres, a elas debémoslle a conversación dun oficio tradicional tan importante para a artesanía galega”. 

Por último, María Rivas expresou que “é unha honra estar hoxe en Camariñas”. “Mulleres de Camariñas, quero transmitirvos o recoñecemento do Goberno de España ao traballo que facedes para mergullar Camariñas e a toda a Costa da Morte nun mar de piques. Sodes un exemplo para as mulleres de Galicia, de España e do mundo enteiro”, afirmou. 

Despois da pertinente visita aos diferentes postos e stands que se ubican nos dous pavillóns municipais acondicionados para a ocasión, as autoridades presenciarán a pasarela inaugural da Mostra co desfile do ‘Pequencaixe’ e o dos ‘Grandes Deseñadores’ no que as firmas participantes amosarán por primeira vez as coleccións que prepararon para a Mostra co encaixe como protagonista. Os desfiles inaugurais estarán amenizados pola música de Fillas de Cassandra. 


XXXIV Mostra do Encaixe 

Durante os cinco días as firmas da categoría de ‘Grandes Deseñadores’ subiranse ás pasarelas da Mostra para amosar as súas creacións con encaixe: Ana Cabranes, Andion Clothing, Claudina Mata, Devota & Lomba, Franco Quintáns, Anamingo, Dolores Cortés, Esteban Freiría, Jose Matteos e OSE Couture. 

O desfile de ‘ArtEncaixe’, que sigue afianzándose na programación, estrearase o xoves, 17 de abril, ás 12:45 horas. Os artesáns chegarán de diferentes puntos de Galicia para demostrar que o encaixe é versátil e pode adaptarse a diferentes materiais: Alfarería La Cacharrera, Lola Logaro, Ondas do Mar, O Rulo, Suso Calo, Encaixa_T, Michael Pérez, Ana Miguéns, Estilo Aramar, Mariví Santos Atelier, Risco Estudio, Tendataller Feituras – María Canedo e Ene de Toba. 

Ese mesmo xoves tamén debutarán as persoas participantes no XXXI Concurso de Noveis Deseñadores no que se repartirán un total de 4.500 euros en premios e participarán un total de 41 mozas e mozos que están a dar os primeiros pasos no mundo da moda. O venres 18 ás 20:30 horas celebrarase o encontro entre grandes e noveis deseñadores e o domingo 20, a partir das 17:00, horas darase a coñecer o fallo do xurado. 

A gran novidade desta edición, o desfile ‘Firma Emerxente’, poderá verse por primeira vez o xoves, 17 de abril, e repetirá o venres, 18 de abril, e o sábado, 19 de abril. 

Outro ano máis volverán á Mostra as delegacións internacionais. O venres ás 12:45 horas terá lugar o primeiro desfile das ‘Delegacións de encaixeiras internacionais’. Repetirán o sábado ás 18:00 horas. Participan Arxentina (Buenos Aires), Bulgaria (Sofía), Hungruía (Kiskunhalas), Italia (Novedrate e Trapani), Portugal (Peniche e Serra D’El Rei), Polonia (Bobowa) e España (Arenis del Mar). 

Un dos momentos máis agardados da Mostra son os desfiles do ‘Pequeencaixe’. As nenas e nenos das Escolas Municipais crean o seu propio encaixe durante todo o curso para posteriormente deseñar os vestidos e desfilar na Mostra. Convértense en palilleiras, deseñadores e modelos. 

O mesmo ocorre no desfile de ‘Encaixeiras Senior de Camariñas’ que terá lugar o domingo 20 ás 19:30 horas durante o acto de clausura do evento e no que veciñas e veciños do municipio amosan ao público as creacións que fixeron durante todo o ano. 


Fillas de Cassandra, Budiño, Soledad Vidal, Rocío Camaño, David Amor e outras accións destacadas da programación 

Este ano os asistentes poderán gozar da música do dúo vigués Fillas de Cassandra (o mércores ás 18:00 horas durante o desfile inaugural da Mostra), do concerto ‘Cantares Atlánticos’ da soprano Soledad Vidal e Aurelio Viribay (o xoves ás 20:15 horas); ou da actuación de Rocío Caamaño (venres ás 16:45 horas). O concerto de clausura da Mostra correrá este ano a cargo de Budiño (domingo 20 ás 19:30 horas). 

Ademais, continuando coa tradición dos últimos anos, poderán rirse a esgalla con David Amor e o seu monólogo ‘Love está en el aire’ que terá lugar o sábado ás 20:30 horas na propia pasarela. Ademais, o venres 18 ás 20.30 horas haberá teatro da man do grupo Os Contos non Enchen e a súa obra ‘First Lerias’.  

Durante os cinco días escoitarase nos pavillóns da Mostra, mesturado co son dos palillos, o folclore das agrupacións Abrindo Rejo, Golpe de Mar, Con toda en banda, Vaiche Boa, Asociación Mar Devalado de Camelle e Asociación As Cansorriñas. Tamén o VIII Encontro de Corais no que participarán a Coral Polifónica Santa Cecilia de Coristanco, a Polifónica Alecrín de Brión (Ferrol) a Coral Brisas do Mar de Camariñas (domingo ás 12:30 horas).  

Aproveitarase o evento para a presentación de libros e publicacións como ‘Homes e Mulleres de Sal e Ferro’ de Xesús Búa (xoves ás 12 horas), ‘Cantareiras’ de Icía Varela e Xosé Manuel Varela (xoves ás 12:30 horas), o libro ‘De niña artesana a mujer’ de Josefina Campaña (venres ás 12 horas), a guía ‘Camariñas, un mar de encaixe’ de Xan Fernández (venres ás 12:20 horas), a nova edición de ‘El Cementerio de los Ingleses’ de Alfonso de Sas (sábado ás 11:40 horas), e o libro ‘Mar de Ardora, Mar de Galicia’ da fotoxornalista Ana García (sábado ás 12:00 horas). 

O acto de clausura da XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas terá lugar o domingo 20 de abril ás 19:30 horas. 


‘Gourmet entre encaixes’ 

O Concello repetirá este ano na XXXIV Mostra do Encaixe De Camariñas Deputación da Coruña o ‘Gourmet entre encaixes’, un espazo dedicado ao sector alimentario no que se poderán instalar postos de venta ao público. 

Esta nova zona, na que tamén se situará o bar da Mostra, terá unha decoración ambiental especial e contará cun espazo con mesas e cadeiras para que o público asistente á Mostra poida degustar alí mesmo os produtos que merque. 

Durante toda a Mostra tamén haberá degustacións gastronómicas de polvo, a cargo de Frigoríficos de Camariñas (o venres ás 19:30 horas) e de rodaballo, a cargo de Stolt Sea Farm (o sábado ás 14 horas).Tamén haberá demostracións artesanais e os pais e as nais poderán deixar aos máis pequenos no Parque Infantil con monitores cualificados.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias