REDACCIÓN | O desfile de ArtEncaixe da XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, que se estreou no ano 2021, continúa medrando a pasos axigantados e cada ano son máis variadas as propostas traen os artesáns, chegados de toda Galicia.
Este ano son 13 os e as artesáns chegados de toda Galicia que demostran que o encaixe é versátil e pode adaptarse a diferentes materiais como complemento de moda.
Forman o desfile: Alfarería La Cacharrera (olería de Buño), Lola Logaro (artesana textil), Ondas do Mar (artesana textil), O Rulo (olería de buño), Suso Calo (xoiería), Encaixa_T (artesana textil local), Michael Pérez (artesán textil local), Ana Miguéns (xoiería), Estilo Aramar (artesana textil), Mariví Santos Atelier (palilleira), Risco Estudio (olería de Buño), Tendataller Feituras – María Canedo (olería de Buño) e Ene de Toba (artesana textil local).
Josefina Campaña e Xan Fernández continúan coas presentacións literarias
Doutra banda, hoxe continuaron as presentacións de libros da XXXVI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña. Josefina Campaña e Xan Fernández foron os protagonistas da programación literaria do evento.
A camariñana Josefina Campaña, que tamén participa, desde hai anos, no desfile de ArtEncaixe, presentou o seu libro ‘De niña artesana a mujer’, no que repasa a súa experiencia vital, unha publicación moi emotiva e chea de momentos persoais da autora.
Logo subiu á tarima de presentacións Xan Fernández, que presentou a guía ‘Camariñas, un mar de encaixe’, unha publicación turística que fía todos os recursos patrimoniais do municipio. Os dous actos estiveron presentados polo recoñecido comunicador camariñán Marcial Mouzo.
Alfonso de Sas e Ana García o sábado
O sábado, ás 12:00 horas, será o turno para Alfonso de Sas e unha nova edición de ‘El Cementerio de los Ingleses’. De seguido, ás 12:20 horas, fará o propio Ana García, que presentará a súa publicación ‘Mar de Ardora, Mar de Galicia’, un compendio de fermosas imaxes sobre a maxia que pode crear a bioluminiscencia mariña.
Estas presentacións literarias son parte dun programa longo e variado que compón a XXXIII edición da Mostra do Encaixe e encherá de actividade Camariñas durante cinco días.