REDACCIÓN | O Partido Popular de Galicia sitúa a axilización burocrática como un dos eixos prioritarios e unha das claves da efectividade das políticas de retorno do Goberno galego á hora de xerar oportunidades de emprego e responder a retos como a falta de man de obra en sectores estratéxicos.
Así llo trasladou a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, e o secretario executivo do PP no Exterior, Antonio Rodríguez Miranda, á responsable do PP na rexión brasileira da Baixada Santista e unha das vogais dos galegos residentes no exterior do Comité Executivo do PPdeG, Amanda Barrio, durante a reunión que mantiveron co obxectivo de abordar a situación actual e as principais necesidades dos 52.500 galegos e galegas residentes en Brasil.
Entre outras cuestións, ambas partes coincidiron na necesidade de “desburocratizar” o proceso de retorno tanto no que se refire á axilización dos procesos de homologación de títulos universitarios obtidos no estranxeiro como á concesión de permisos de residencia e traballo para familiares de retornados.
Tamén concordaron no positivo que sería neste eido que o Goberno central, ao igual que fai o Goberno galego, afondase no desenvolvemento de políticas públicas de acceso á vivenda e na posta en marcha de medidas específicas de apoio para a integración laboral das familias que regresan.
Retos da colectividade galega no Brasil
No que se refire aos retos que afectan directamente á colectividade galega no Brasil, abordaron a situación de “colapso administrativo” que padecen o servizo consular en xeral e o Consulado de São Paulo en particular ante a escaseza de persoal e recursos. Unha situación que cualificaron de “emerxencia” pola súa repercusión directa sobre miles de galegos e galegas.
En materia electoral, solicitan así mesmo a ampliación dos puntos de depósito de voto. O cal é especialmente necesario nun país de dimensións continentais como o Brasil, onde a dispersión xeográfica dificulta a participación. Durante a súa visita a Galicia, Amanda Barrio tamén tivo ocasión de reunirse co líder dos populares galegos, Alfonso Rueda.
Transmitiulle, ao igual que fixera durante a visita do presidente Rueda a Brasil, o fondo interese que amosan os galegos e galegas do seu país polas políticas de retorno que está desenvolvendo o Goberno galego a través de iniciativas pioneiras no conxunto do Estado español e que contribúen a reforzar aínda máis os vínculos entre Galicia e a súa diáspora.