REDACCIÓN | Un total de 23.390 persoas foron arrastradas polo ‘Mar de Piques’ da XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, sendo este o dato de asistencia máis alto acadado desde o ano 2011 e demostrando que nin o mal tempo é capaz de rebaixar o poder de atracción que ten o principal evento de moda en España en Semana Santa.
Outro ano máis, destaca sobre todos os días a xornada do venres, onde 6.876 entraron ao recinto, só superado pola cifra rexistrada o mesmo día do ano 2015. O segundo mellor día foi o xoves, con 6.311 asistentes.
Ademais, o mércores, o xoves e o domingo rexistráronse os números máis altos desde hai 14 anos. O mércores visitaron a Mostra 1.459 persoas e o xoves fixeron o propio 6.311 persoas.
A Mostra segue a afianzarse como un dinamizador para o turismo e a hostelería de todo Camariñas pero sobre todo son os stands alí presentes os que se benefician do público chegado de todas as partes de Galicia, de España, e de diferentes puntos de todo o mundo que atrae o evento.
Estefanía Orgaz e Pedro Orgaz convértense nos gañadores do XXXI concurso de Noveis Deseñadores coa colección Mitra
Doutra banda, A xornada de clausura da XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña serviu para coñecer aos gañadores do XXXI concurso de Noveis Deseñadores. O primeiro premio, entregado pola alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, recaeu nas mans de Estefanía Orgaz e Pedro Orgaz, que conquistaron ao xurado profesional coa súa colección Mitra.
O responsable da planta de Vilán de Stolt Sea Farm, José Figueroa, entregoullle o premio a Ritual de lume e sombra, de Yara González Barral, que quedou en segundo lugar; mentres que a colección Paint it colors de Lucía Janeiro, Clara Rey e Antonio Soto que recibiu o premio da responsable de relacións institucionais de Frigoríficos de Camariñas, Verónica Canosa; acadou o terceiro posto. O cuarto premio, entregado pola presidenta da Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas, Olga Campos, foi para Onitze Aramburu e Sofía Puertas, con Apar.
Nesta edición repartíronse un total de 4.500 euros en premios divididos do seguinte xeito: un primeiro premio de 2.100 euros, un segundo de 1.200 euros, un terceiro de 700 euros, e o cuarto de 500 euros.
Optaron a estes galardóns un total de 38 mozas e mozos que están dando os seus primeiros pasos no mundo da moda. A procedencia dos noveis deseñadores foi moi diversa, formados nas mellores escolas a nivel estatal.