El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Lucas Ricoy
Más noticias

MELIDE

A Festa do Melindre de Melide

21-04-2025 18:04:35
Cartel da Festa do Melindre.

REDACCIÓN | A Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide é a cita gastronómica máis importante da comarca e unha das de maior proxección de toda Galicia desde que no ano 2013 fose declarada Festa de Interese Turístico Galego. Celébrase cada ano na segunda fin de semana de maio, co fin de exaltar e poñer en valor os doces tradicionais melidenses. Falar de melindres, melindreiros e melindreiras é falar de gastronomía pero tamén de tradicións e de riqueza cultural. Nos fornos tradicionais do corazón da vila amásanse cada día os melindres, ricos e amendoados que a converten en terra doce. Estes doces fanse notar na zona vella de Melide no momento da súa cocción grazas ao seu delicioso aroma. 

A Festa do Melindre naceu coa intención de protexer, poñer en valor e recuperar a forma tradicional de facer repostaría de Melide e da súa comarca. Os doces tradicionais de Melide, ademais de producir pracer ó noso padal, son elementos que en conxunto forman parte dun aspecto importante do patrimonio cultural do noso pobo: a gastronomía. A Festa do Melindre e da Repostaría da Terra de Melide reúne un inequívoco valor patrimonial, o estar vertebrado por todos os mecanismos de conexión entre festa e patrimonio, encadrándose claramente dentro da figura do patrimonio inmaterial.Nos últimos anos, a homenaxe estendeuse a toda a repostería típica e tradicional de Melide e da súa comarca. En concreto, fálase de tres produtos que recollen a esencia da tradición reposteira da zona: o melindre, o rico e o amendoado. 


Embaixadores da Festa do Melindre 

A Festa veu apadriñada, nos últimos anos, por unha serie de persoeiros relevantes da gastronomía, a restauración, o cine, o deporte, a música, a administración e o mundo empresarial que colaboran co Concello de Melide, como pregoeiros e embaixadores, para transmitir a labor reposteira tradicional da comarca. Así, créase a figura do Embaixador do Melindre como unha distinción de recoñecemento a persoas ou institucións polo labor promocional desenvolvido a prol de Melide e directa ou indirectamente a prol da promoción da repostaría tradicional da Terra de Melide. 


Irmandamento con Santurtzi 

Este ano dentro das distintas actividades da festa, faremos un Acto de Irmandamento con Santurtzi. O nexo afectivo con este concello ten a súa orixe na gran cantidade de melidenses que tiveron que emigrar noutro tempo a Euskadi. Alí os galegos morriñentos necesitaron asociarse, ao igual que noutras localidades, e formaron o 6 de abril de 1969 a Casa de Galicia en Santurtzi, esta asociación traballou arreo polos galegos e a nosa cultura na diáspora. 

Tamén teremos o pracer de facer Embaixadora da nosa festa á alcaldesa de Santurtzi, Karmele Tubilla, que sempre estivo ligada ao tecido cultural e social da vila de Santurtzi, un municipio que destaca pola ampla oferta cultural e deportiva, elementos que reflicten a identidade dos e das santurtziarras. Poñendo en valor a historia e tradicións locais. 

Dentro deste irmandamento teremos a oportunidade de desfrutar da música de varias agrupacións musicais desta localidade,coma o grupo de baile Zugaitza Dantza Taldea, os Cabezudos Santurtziko Erraldoien Konpartsa e gaita Galega e a banda de música folk KORRONTZI. 


KORRONTZI 

A banda de música folk Korrontzi formouse no 2004 polo intérprete de trikitixa (acordeón diatónico vasco) Agus Barandiaran. O seu obxectivo, ao formar a banda, era o de dar á música popular vasca, así como aos sons ancestrais e tradicionais da súa terra, un aspecto máis moderno e contemporáneo, pero sempre desde a perspectiva dunha música baseada na trikitixa e outros instrumentos tradicionais como a txalaparta ou a alboka, sen esquecer nunca o respecto absoluto a toda a tradición que recibira do seu primeiro mestre, o trikitilari Rufino Arrola. 

Para lograr esta nova sonoridade, rodeouse de estilos musicais máis modernos e contou coa axuda e a unión de instrumentos como a mandolina, o baixo eléctrico, o contrabaixo ou as percusións. 

Durante estes anos, Korrontzi levou a súa cultura, idioma, danza e música por todo o mundo, tocando en grandes festivais e visitando numerosos países, e foi galardoado con premios e mencións como os «World Music Charts» nos anos 2014, 2015, 2016, 2020, 2022 e 2024, «Top100 Roots Music Report» (2015), «Womex Official Selection» (2014), «Mellor banda europea, Eurofolk» (2009), «Mellor banda da península, Navelgas» (2007); ademais, o seu último traballo («Korrontzi, 20», 2023) entra pisando forte, sendo seleccionado entre os 5 mellores discos do ano, segundo da prestixiosa revista «Mondo Sonoro». 

Resumindo, Korrontzi é un grupo de música vasca que non deixa indiferente a ninguén, un escaparate de toda unha cultura, que consegue coa forza e enerxía dos seus directos transmitir sons e danzas enraizadas na antigüidade, así como as novas tendencias do folk. Korrontzi é unha festa tradicional de música e danza vasca. 


O Pregoeiro da 33 Festa do Melindre 

Edu Lavandeira (Vigo, 1981) é director e creativo audiovisual con numerosos documentais e programas de entretemento no seu currículo. Gañador do Premio Mestre Mateo ao Mellor Programa de TV por Buscadores de Naufraxios. A súa carreira sempre estivo relacionada cos medios de comunicación e o entretemento audiovisual. Apaixonado da gastronomía, especialmente dos pans, das masas e das pizzas, creou a primeira serie documental dedicada a este ancestral alimento: “Maestros del Pan” e publicou dous libros Planeta PAN e Pan Galego. 

Toda a súa familia materna é de Melide, de onde toma o apelido, Lavandeira. E a Melide faille unha longa homenaxe no libro Pan Galego, no que inclúe algunhas elaboracións que ten na súa memoria ou na da súa nai, como a torta (pan baixo e pouco cocido) ou as rosquillas de sartén. Ademais, acumula case dous millóns de seguidores entre Instagram, Tik Tok e YouTube onde triúnfan os seus virais vídeos de elaboracións.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias