REDACCIÓN | Na Asemblea da Alianza Libre Europea (ALE), o BNG acadou o respaldo de 32 forzas políticas europeas contra a instalación da macrocelulosa Altri en Palas de Rei. Así, na Asemblea Xeral da Alianza Libre Europea aprobouse unha moción presentada polo BNG na que se solicita ao Goberno galego, ao Estado español e a Comisión Europea que este proxecto non reciba aprobación e financiamento xa que pon en perigo e contamina o medio ambiente, ataca os sectores produtivos como a agricultura e a pesca, o Camiño de Santiago e a biodiversidade.
“O clamor contra esta macrocelulosa traspasa fronteiras e na asemblea da ALE reclamamos que este proxecto non reciba fondos públicos e, por suposto, non se realice”, salienta a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, quen forma parte da delegación do Bloque participante na asemblea, xunto a Xabier Macías, vicepresidente da Fundación Coppieters (fundación europea que promove a investigación internacional tendo como base a diversidade cultural e lingüística).
No documento aprobado por unanimidade destácase que o corazón xeográfico de Galiza está ameazado pola construción dunha macrocelulosa baseada na materia prima na madeira de eucalipto, de forma que incumpre diversas normativas europeas como a Directiva Hábitats (92/43/CE). “Hai unha contradición directa entre a produción de celulosa e a protección e restauración da natureza coa expansión do eucalipto, posto que máis eucalipto afectará negativamente á fauna local e rexional e á biodiversidade”, explicou a eurodeputada galega, quen tamén destacou que a Altri pon en perigo o medio de vida da poboación local debido a súa incompatibilidade cos proxectos de desenvolvemento agroecolóxico existentes e iniciativas na comarca.
Outro argumento en contra da instalación de Altri radica en que a fábrica precisará un gran consumo de auga, que non conta coa valoración dos efectos futuros do clima, xa que boa parte da auga empregada será vertida ao río Ulla, a unha temperatura de entre 27º e 29º, que afectaría non só ao río Ulla, senón tamén e de forma moi grave ás zonas pesqueiras e marisqueiras da ría de Arousa.
Boicot do PP
Na súa intervención Ana Miranda explicou que este proxecto conta cunha forte oposición non só da comunidade científica, senón tamén da sociedade civil. Así, a eurodeputada do BNG lembrou que en decembro de 2024 máis de 100.000 persoas se manifestaron en Compostela para expresar a súa oposición a esta macrocelulosa.
Ao respecto, a eurodeputada galega denunciou o boicot levado a cabo polo PP na Eurocámara para que os colectivos afectados pola instalación da macrocelulosa poidan comparecen na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. “Limitaron a voz da cidadanía galega, é unha acción antidemocrática preocupantes que amosa a importancia que ten para o PP construír esta planta a calquera prezo”, criticou Ana Miranda.