El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
José Manuel López García
Lucas Ricoy
Internacional

POLÍTICA | PSdeG | EURODEPUTADO

González Casares: "Estender o sistema de comercio de emisións ao sector pesqueiro é un absurdo, cobrar por cobrar"

12-05-2025 17:19:40
Nicolás González Casares.

REDACCIÓN | O eurodeputado socialista Nicolás González Casares mostrouse “totalmente en contra” de estender o sistema de comercio de emisións (ETS) ao sector pesqueiro, como indica a filtración que hoxe se coñeceu da próxima comunicación da Comisión Europea sobre o Pacto dos Océanos.

“Non ten ningún sentido gravar ao sector pesqueiro, en primeiro lugar, polas baixas emisións que representa, entre o 0,1 e o 0,2% das emisións de CO2 da Unión Europea; en segundo lugar, porque non hai alternativas para que ese sector se poida descarbonizar a día de hoxe”, sinalou. 

González Casares, que é membro da Comisión de Pesca, acusou á Comisión Europea de querer “cobrar por cobrar un gravame que non facilita a descarbonización neste caso”. “Se falamos dunha transición xusta que poña aos cidadáns no centro e sexa socialmente aceptable, un dos pasos máis erróneos que se poden dar é este, ademais, de costas aos profesionais do sector”, dixo. 

O eurodeputado manifestouse “a favor do ETS nos sectores onde hai posibilidades de descarbonizarse como é a produción eléctrica, sectores industriais, ou mesmo o transporte, pero no sector da pesca, non ten sentido”. 

“Esperabamos un cambio de rumbo por parte do novo comisario de Pesca, Costas Kadis. Así o prometeron tanto el como o seu partido, que falaron moito de impulsar a competitividade e a creación de emprego no sector, pero iniciativas como esta, de confirmarse, van na liña oposta”, censurou. 

Nicolás González Casares avogou por que o Pacto dos Océanos se faga “de acordo con os axentes económicos e sociais, como os do sector pesqueiro. Esa foi a promesa de Kadis. Un novo gravame ao sector pesqueiro traizoa esa promesa e supón un atropelo do PP aos pescadores”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias