REDACCIÓN | A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, GhalebJaberMartínez, presentaron hoxe no Salón de Actos do Pazo de San Marcos o proxecto cultural que acollerá a sede provincial dende o 20 de maio ao 17 de xuño. A iniciativa inclúe a exposición de fotoxornalismo Gaza: o eco dos esquecidos e o ciclo de cine euroárabe AMAL en Ruta Lugo 2025, dúas propostas que convidan á reflexión crítica sobre o conflito en Palestina.
Durante o acto, Pilar García Porto destacou que colaboración da Deputación con este proxecto cultural "é unha chamada á empatía, á reflexión e ao compromiso. É unha invitación a mirar de fronte unha realidade que non podemos nin debemos ignorar”.
A exposición Gaza: o eco dos esquecidos estará compostapor 26 fotografías e vídeos testemuñais dos fotoxornalistas Mohammed Zaanoun, Ahmed Zakot e Abood Abu Salama. A mostra está organizada no marco da Cátedra USC–Araguaney para o Diálogo entre Culturas, e ofrece unha mirada íntima e impactante sobre a vida cotiá na franxa de Gaza, marcada polo asedio, a destrución e a resistencia da poboación civil."Estas fotografías non deixan lugar á indiferenza. Non son só imaxes: son testemuños. Son historias de dor, pero tamén de humanidade, de coidado e de memoria", apuntou a Deputada.
García Porto sinalou tamén que esta programación se completará co ciclo Amal en Ruta Lugo 2025, que ofrece un percorrido polo mellor cinema árabe actual. As proxecciónsterán lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, todos os martes entre o 20 de maio e o 17 de xuño, con entrada libre e gratuíta. "Unha oportunidade única para achegarnos a outras realidades a través da linguaxe universal do cinema”, apuntou.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo rematou agradecendo á Fundación Araguaney- Puentes de Culturas por facer posible que estas propostas cheguen a Lugo porque grazas ao seu labor "estas imaxes e estas historias crucen fronteiras e cheguen ata nós", e sinalou que dende a Deputación apoiaremos este tipo de iniciativas porque "cremos nunha cultura que transforma, que nos forma como cidadás e cidadáns conscientes e solidarios. Nunha cultura que nos axuda a entender o mundo e a tomar parte nel".
Proxeccións e calendario do ciclo Amal en Ruta Lugo
A mostra de cine euroárabeAMAL en Ruta Lugo 2025 ten por obxectivo achegar a sociedade árabe a Galicia, abordando temas como a identidade, a resistencia cultural e as realidades sociais dos países árabes. Baixo o lema Existir é resistir, a programación céntrase na resistencia do pobo palestino e noutras historias de resiliencia en contextos de conflito e migración. O ciclo Amal, que aborda temáticas como a situación en Gaza, os dereitos da muller en Xordania ou a chegada de refuxiados a Europa, leva á capital lucense un resumo da última edición da Semana de Cine Euroárabe Amal, que inclúe catro longametraxes e un documental–cintas en versión orixinal subtituladas en castelán–, que supoñen un percorrido polo mellor cine árabe da actualidade. Poderanse ver desde o martes, 20 de maio, ao martes, 17 de xuño,no salón de actos da Deputación de Lugo, ás 20:00 horas. O acceso ás proxecciónsé libre e gratuíto ata completar o aforo da sala.
A primeira sesión será o martes, 20 de maio, coa película The Teacher; o martes, 27 de maio,proxectarase a ficción Inshallah Walad; o martes, 3 de xuño, será a quenda para o documental ByeBye Tiberias; o martes, 10 de xuño, poderase ver a ficción To a Land Unknown; e o martes, 17 de xuño, a película The Old Oak; todas elas producións de gran recoñecemento en festivais cinematográficos internacionais.