REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que abandone a propaganda e as mentiras no ámbito sanitario e desenvolva medidas reais para solucionar os problemas da sanidade pública, medidas como a incorporación do servizo de psicoloxía clínica na atención primaria que propón o BNG.
Pontón criticou que o Executivo de Rueda goberne “a base de propaganda e mentiras” tal e como evidencia o “demoledor” informe do Consello de Contas sobre o Plan de saúde mental 2020-2024 presentado pola Xunta en 2020 -“con moita propaganda en precampaña electoral”, lembrou- e no que constata que o Goberno do PP só executou 33,5 dos 80 millóns de euros comprometidos, é dicir, menos da metade, nun plan que, aínda cumpríndose, non lograría acadar nin a media de profesionais que a Xunta de Fraga consideraba necesaria.
Unha mentira, reprochou a portavoz nacional, que neste caso “afecta a miles de galegos e galegas que están angustiadas agardando por unha primeira consulta en psiquiatría, agardando en listas de espera que non deixan de medrar, e ás que o goberno do señor Rueda só ofrece propaganda e mentiras”.
“É indecente e, sobre todo, é cruel, porque estamos falando da atención á saúde mental das persoas e con iso o Partido Popular non debería nin xogar, nin facer propaganda”, recalcou logo da reunión que mantivo con representantes do Colexio Profesional de Psicoloxía e do Movemento Galego de Saúde Mental, no que tamén participaron as portavoces parlamentarias de Sanidade e Sanidade Hospitalaria, Montserrat Prado e Iria Carreira, respectivamente.
A líder nacionalista advertiu sobre a “preocupante situación” da atención á saúde mental en Galiza cun aumento nas listas de espera en psiquiatría dun 174% en Lugo e dun 149% en Ourense e sen a incorporación da psicoloxía clínica na atención primaria como tamén anunciara o PP.
“De novo propaganda e mentiras como maneira de gobernar que afectan á saúde mental das persoas, o que pode ter consecuencias dramáticas”, lamentou logo de incidir en que o Executivo de Rueda está instalado nunha mentira na que “tanto os anuncios como os datos que aporta en materia sanitaria son unha auténtica fraude”.
Neste sentido, recordou que todos os informes oficiais alertan do incremento dos problemas de saúde mental, incluído un da propia Consellería de Sanidade que revela que un de cada cinco galegos e galegas terá un problema de saúde mental ao longo da súa vida. Un problema que, pudendo ser leve de inicio, pode acabar converténdose nunha patoloxía grave se non é atendido a tempo, indicou Pontón, quen reprochou ao Goberno do PP que non oferte as prazas MIR e PIR suficientes, pese a que a taxa de profesionais especialistas en Galiza está “moi por debaixo da UE e do Estado”.
Galicia, á cola na atención da saúde mental
A portavoz do BNG tamén advertiu que Galicia ten a taxa de suicidios máis alta do Estado (un 12,28 por mil habitantes, fronte ao 7,79 da media estatal) e lidera o consumo de antidepresivos, só superada por Asturias, e que son miles e miles de galegas e de galegos os que “toman cada día tranquilizantes e pílulas para durmir”.
“Estamos moi lonxe de acadar os obxectivos mínimos de protección de saúde mental, son precisas medidas, medios e persoal para que a saúde mental deixe de ser un luxo ao alcance duns poucos”, indicou, para advertir a continuación que a saúde mental das persoas “non pode depender do tamaño da súa conta bancaria”, de poder pagar ou non unha consulta privada porque se quere acudir á sanidade pública ten “listas de espera quilométricas”.
Neste contexto e fronte á incapacidade dun Goberno do PP que “só ofrece propaganda e mentiras”, Pontón defendeu as propostas concretas do BNG para poder dar un xiro de 180 graos á situación e que Galiza deixe de estar á cola en atención á saúde mental, a comezar por dotar a atención primaria de psicoloxía clínica, unha medida que a formación nacionalista levará ao Parlamento propoñendo a contratación de 100 psicólogos e psicólogas na primaria.
A líder nacionalista enmarcou esta proposta no marco da creación de equipas multidisciplinares que posibiliten unha atención integral, o que implicaría tamén a incorporación na primaria de traballadoras sociais e terapeutas ocupacionais, que permita abordar a dimensión social que hai detrás dos problemas de saúde mental.
Así mesmo, avogou por incrementar as prazas de formación tanto en psiquiatría como en psicoloxía e en enfermería especialista en saúde mental, tanto na atención primaria como na hospitalaria. En terceiro lugar, avanzou que o Bloque tamén levará ao Parlamento unha proposta para aumentar as unidades de hospitalización de atención infantil e xuvenil a todas as áreas sanitarias do País, co persoal e orzamento necesarios.
Por último, defendeu a posta en marcha dun programa para a atención e prevención do suicidio que conte con equipos específicos en cada área sanitaria e que permita desenvolver campañas de concienciación e prevención de condutas suicidas e de autolesión “específicas e realmente prolongadas no tempo”.
“Estas son algunhas das medidas que poñeríamos en marcha desde un goberno alternativo do BNG fronte a un Partido Popular que, neste momento, o único que nos ofrece son propaganda e mentiras para tapar as súas irresponsabilidades, para tapar que son un goberno que, na vez de querer ser parte da solución, está convertido en parte do problema”, concluíu.