El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

O PPdeG chega á primeira metade de mandato municipal "gobernando na metade dos concellos de Galicia e subindo en apoio nas cidades"

27-05-2025 14:29:12
José Manuel Rey Varela (d).

REDACCIÓN | O PPdeG conmemora a chegada ao ecuador dos mandatos municipais coa ambición de “conseguir dentro de dous anos máis gobernos fortes, estables e en maioría” e reivindicando que, a día de hoxe, xa goberna na metade dos concellos de Galicia e segue subindo o seu apoio nas cidades. 

O Comité de Cidades do partido reuniuse estes días co obxectivo de “compartir os proxectos das diferentes urbes e facer sinerxias” e analizar os resultados das últimas enquisas que apuntan a que, neste momento, o apoio ao proxecto do PP é xa maior ao de 2023 nas cidades galegas e, ao mesmo tempo, mantense como o partido líder en 5 das 7 urbes. 

“Non nos conformamos e queremos consolidar as nosas maiorías. Porque esa será a única forma de que os pactos de perdedores do PSOE e do BNG non sigan traendo espectáculos e inestabilidade”, asegura a secretaria xeral Paula Prado en referencia ao que ocorre en Santiago, Lugo ou A Coruña, á vez que pon de exemplo o “proxecto de éxito” do PP en Ferrol. 

Por iso, cun apoio á alza nas cidades galegas, desde o partido seguen traballando para “construír unha alternativa” alá onde non gobernan e conseguir en dous anos un maior número de “gobernos fortes, estables e en maioría”. 


Rey Varela 

O coordinador do Comité de Cidades e alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, tamén fixo referencia ás enquisas electorais e explicou que “a baixa doutros partidos é o resultado da falta de estabilidade e de proxecto dos seus gobernos municipais e dos desacordos permanentes cos seus socios”. Unha situación que, na súa opinión, supón un “lastre” que está “paralizando” esas cidades. 

Todo o contrario acontece en Ferrol, onde esas mesmas enquisas mostran que os veciños e veciñas “están moi satisfeitos e valoran positivamente a estabilidade” que lles ofrece o goberno que encabeza Rey Varela. De feito, de celebrarse hoxe as eleccións municipais, o PP vería incrementada a súa confianza nesta cidade. 

O rexedor ferrolán tamén quixo aproveitar esta reunión para poñer sobre a mesa os “agravios” de Pedro Sánchez coas cidades galegas e referiuse concretamente aos problemas ferroviarios que están a provocar “os atrasos permanentes, as poucas frecuencias e o feito de que Ferrol e Lugo sigan sen conexión de Alta Velocidade”. 

“Non queremos perder o tren do futuro e por iso demandamos unha maior atención do Goberno de Pedro Sánchez ás nosas cidades”, concluíu facendo un chamamento á unión a todos os representantes do partido nesta reclamación.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias