REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou dende Silleda que o BNG solicitará a comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Parlamento para que explique “as razóns que o levan a estar traballando en contra dos intereses de Galiza” poñéndolle “cancelas” ao galego en Europa precisamente cando o que máis se necesita neste momento é apoiar a lingua, dada a “situación de emerxencia lingüística”.
Pontón cualificou de “lamentable e triste” que o PP estea poñendo a Xunta “ao servizo da estratexia partidista do Partido Popular de Madrid”, que utiliza Galiza “única e exclusivamente no seu pim-pam-pum co Goberno central” para seguir nunha estratexia de desgaste “sen importarlle que Galiza perda con esa estratexia”, advertiu.
Neste sentido, apuntou como último exemplo ás manobras e presións do PP para que o galego non fose recoñecido de maneira oficial na UE. “É unha vergoña e unha deslealdade a Galiza que este tándem Feijóo-Rueda, nada máis e nada menos que un expresidente e o actual presidente da Xunta, estiveran traballando en contra do recoñecemento do galego como lingua oficial na Unión Europea”, recriminou.
“É un exemplo máis de até que punto o señor Rueda está utilizando Galiza na estratexia partidista do Partido Popular sen importarlle que iso teña consecuencias negativas para o noso País”, sintetizou en declaracións aos medios logo de visitar as instalacións da empresa Nudesa en Silleda.
A líder nacionalista cuestionou por que ao PP lle molesta tanto o galego. “Por que queren cerrarlle portas á nosa lingua cando é o momento de abrirllas? Por que o Partido Popular está disposto a traballar unha vez máis en contra do galego?”, interpelou.
Pontón concluíu indicando que ten que ser o propio Rueda, como xefe do Executivo, o que debe responder a estas preguntas en sede parlamentaria, para o que o BNG solicitará a súa comparecencia na Cámara.