REDACCIÓN | Fecap Abanca chega á súa 11ª edición como punto de encontro de empresas e afeccionados á caza, pesca e natureza. Farao do 5 ao 8 de xuño, sendo a súa celebración paralela á 47ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.
En canto á súa área expositiva, contará con empresas de equipamento e servizos para a práctica destas actividades, ademais de distintas asociacións. Respecto ao seu programa de actividades, terán gran protagonismo as propostas relacionadas coa caza.
Así, a Federación Galega de Caza, organizará o domingo unha Mostra de Cans de Caza, na que se irán mostrando de forma individual exemplares de diversas razas á vez que o presentador, neste caso o presidente da Federación, Luis Eusebio Fidalgo, explicará aspectos como as súas características ou utilidades. Así mesmo, repetirá o seu simulador “Sim Way Hunt”, un sistema virtual para aprender a adestrar o tiro sobre obxectivos en movemento con gran éxito entre o público que este ano inclúe ademais un concurso no que os premios serán a cargo da marca Solognac, a cal tamén realizará no seus stand un interesante sorteo. Ademais, Federación, Cazarco e Arkeiros do Deza, levarán a cabo exhibicións participativas de tiro con arco nas que poderán intervir todos os interesados, dende nenos a adultos.
Non faltará o agility, tamén da man da Federación e Canedupo, con actividades para nenos os dous primeiros días, exhibicións para público xeral durante a fin de semana coa colaboración da marca Solognac na entrega de premios e probas oficiais da liga Autonómica e a Copa Abanca Semana Verde de Galicia. Ademais, sumaranse demostracións de habilidade canina.
Tamén a Federación Galega de Caza mostrará a función dun biotopo para recuperar os coellos de monte, cuxa poboación está minguada como consecuencia de enfermidades, e tamén a eclosión de ovos de perdiz nunha incubadora e unha área con diversas especies cinexéticas que se empregan para repoboar, dentro dun labor conservacionista de coidado e protección da natureza e a súa biodiversidade. Sumarase un taller permanente de pintura sobre fauna e flora galega impartido pola pintora mindoniense Irma María Loureiro, e entre cuxos participantes se sorteará material de debuxo e pintura.
Por outra banda, a Mesa Galega pola Caza contará cunha exposición de trofeos de caza e, como novidade, cunha galería de tiro simulada.
Cetrería e pesca
No stand que a Federación Galega de Caza terá no pavillón 4 do recinto, todos os días poderase ver unha exposición de aves rapaces empregadas en cetrería e coñecer esta actividade en Galicia de man da Asociación Deportiva de Cetreiros Galegos (AGCCA).
Ademais, Falcóns de Galicia levará a cabo interesantes actividades de cetrería durante o certame, como exhibicións de voo con aves e actividades para nenos, ademais de contar cunha exposición de aves de cetrería que pretende rememorar a tradición e a actividade desta nobre arte, declarado pola UNESCO Patrimonio Inmaterial da Humanidade. Nela danse a coñecer as distintas especies, os seus costumes e a súa vida na natureza, así como as múltiples aplicacións útiles tanto na propia conservación das especies como noutros usos. Estarán presentes especies como a Aguia de Harris, a Aguia Moura, o Peneireiro Yanky, o Bufo Real, o Miñato Negro, o Corvo Africano ou os Falcóns Híbrido, Borní, Sacre e Gerifalte.
En canto á pesca, de man da marca Caperlan, haberá dúas exhibicións de montaxe de moscas, a cargo dos expertos Marcos Prado e Joaquín L. Quintás o sábado e por parte de José Antonio Vinuesa e Alejandro Puente o domingo. Tamén ambos os días esta firma organizará un concurso de rebaixa de mosca con interesantes premios.