El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Lucas Ricoy
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

O Plan Único da Deputación acada os 116 millóns e marca un novo récord histórico de investimento

30-05-2025 17:41:33
Valentín González Formoso.

REDACCIÓN | O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade un expediente de modificación de créditos que permite ampliar en 30 millóns de euros o orzamento do Plan Único (POS+2025), que alcanza así os 116 millóns de euros, a maior cifra anual desde a posta en marcha deste programa.  

Esta nova achega reforza o carácter estratéxico do Plan Único como o maior plan de investimento municipal das catro deputacións galegas e un dos máis ambiciosos de todo o Estado, tanto polo seu volume económico como polo seu impacto directo no territorio. 

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, salientou que "a Deputación da Coruña está a demostrar con feitos o seu compromiso cos concellos, apoiándoos con recursos reais e sen condicionar o seu uso, porque son os propios concellos os que mellor coñecen as súas necesidades". 

Formoso puxo en valor o Plan Único como "un modelo de cooperación entre administracións que multiplicou por catro o investimento nos concellos, que funciona e que xera resultados medibles", e lembrou que por primeira vez "este ano, a Deputación da Coruña inviste máis nos 93 concellos da provincia que a Xunta de Galicia nos concellos das catro provincias galegas". 

Por este motivo, instou de novo á administración autonómica a incrementar o Fondo de Cooperación Local ata un mínimo de 200 millóns de euros, unha cifra "razoable e necesaria para garantir o funcionamento dos pequenos e medianos concellos de Galicia, que cada vez asumen máis competencias sen os recursos correspondentes".  


Aprobadas as primeiras 239 obras deste ano 

O pleno provincial deu tamén hoxe luz verde ás primeiras 239 obras do POS+2025, que foron previamente aprobadas nos respectivos plenos municipais. Estes proxectos supoñen un investimento conxunto de 32.981.225 euros (incluindo 2,5 millóns de achegas municipais), e abranguen ámbitos tan diversos como infraestruturas, accesibilidade, mellora de equipamentos, renovación de espazos públicos ou servizos básicos. 

Por tipoloxía, a maioría das obras mellorar camiños, estradas municipais e accesos a núcleos rurais (134), pavimentacións e alumeado (45), redes de saneamento e abastecemento de auga (31), melloras en instalacións culturais, deportivas e docentes (21), centros sociais (3) ou parques públicos (5). 

Por ámbito territorial, a comarca con maior número de obras será a de Compostela, con 76 obras aprobadas por importe de 9.143.825 euros; a da Coruña, con 51 obras por 9.383.526; Ferrolterra, Eume e Ortegal, con 49 proxectos por 6.107.773 euros; Bergantiños e Costa da Morte, con 44 proxectos por 5.922.789 euros e Barbanza, con 19 obras por 2.423.311 euros. 

Ademais, o Plan destina este ano 35,7 millóns de euros a gasto corrente, para garantir servizos esenciais como alumeado público, mantemento de vías municipais, recollida de lixo ou conservación de instalacións; 7 millóns de euros a gastos sociais, reforzando a atención á cidadanía máis vulnerable; 12 millóns de euros para amortización de débeda e financiamento de servizos nos concellos sen débeda.  

A partida adicional de 30 millóns aprobada hoxe estará destinada íntegramente á execución de obras, que se aprobarán nos plenos dos concellos coruñeses. Un dos piares fundamentais do Plan Único é o seu modelo de xestión descentralizado, que outorga aos concellos total capacidade para decidir o destino dos fondos en función das súas necesidades. 

Desde a súa creación en 2017, o Plan Único leva investidos máis de 800 millóns de euros nos 93 concellos da provincia da Coruña, facendo posible a execución de 4.592 obras e proxectos que melloran a vida da veciñanza e fortalecen os servizos públicos no ámbito local.  

O Plan Único consolidouse como un referente no seu ámbito, tanto polo seu volume económico como polo seu deseño baseado na transparencia, na equidade e na plena autonomía local. Grazas a este modelo, moitos concellos coruñeses puideron desenvolver políticas públicas que doutro xeito serían inviables, reducindo desigualdades e mellorando a calidade de vida no rural e nas zonas urbanas.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias