REDACCIÓN | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe o Concello de Touro, onde foi recibido polo alcalde, Roberto Castro Rocamonde, e os integrantes do goberno municipal. Na visita participaron tamén os deputados provinciais Bernardo Fernández e Antonio Leira.
Durante o encontro celebrado no salón de plenos do Concello, Formoso alertou da grave situación que vive o municipio por ser o único dos 93 da provincia que non aprobou en tempo e forma o Plan Único (POS+2025), debido á falta de acordo entre os grupos municipais para decidir o destino dos fondos.
As bases do Plan Único establecen que os investimentos aos que se destinarán os fondos deben ser aprobados polo pleno municipal. A falta deste acordo plenario no prazo estipulado imposibilita a transferencia dos fondos, o que supón un prexuízo directo para os veciños e veciñas.
Esta circunstancia fai que Touro perda este ano 753.250 euros da primeira achega do POS+2025, aprobada no pleno da Deputación do pasado venres para os restantes 92 concellos da provincia. A esta achega poden sumarse agora os 269.190 euros do plan adicional, que o Concello de Touro pode aprobar aínda mediante acordo plenario entre o 23 de xuño e o 12 de setembro.
De non haber acordo tampouco acordo sobre a achega adicional, o municipio perdería máis de 1 millón de euros de investimentos este ano,o de maior orzamento do POS da historia da Deputación, con 116 millóns para todos os concellos da provincia.
Formoso alertou da singularidade deste escenario. “Dende a Deputación, estamos moi preocupados pola dinámica política do Concello. Vemos que é o único da provincia no que parece complicado sacar adiante un plan tan esencial para os municipios como é o POS, que no caso de Touro supón arredor do 30% do orzamento municipal e practicamente ao 90% das inversións do Concello”, subliñou.
O presidente provincial fixo un chamamento á responsabilidade das forzas políticas do municipio para deixar de lado os intereses partidistas e priorizar o ben común. “É urxente acadar un acordo que impida que Touro quede paralizado a nivel de investimentos”, sinalou.
“Sempre somos moi respectuosos coa autonomía local e coa dinámica política de cada municipio. Nunca nos inmiscuímos salvo que se poñan en risco cartos que son de todos os veciños e veciñas de Touro”, argumentou Formoso, que ofreceu que a Deputación xogue un papel mediador entre todos os grupos “para desbloquear os fondos provinciais e que o POS+2025 poida converterse, canto antes, en obras e servizos públicos que melloren a calidade de vida da veciñanza de Touro”, apuntou.
O alcalde alerta de que se poden perder 300 euros por veciño
O alcalde agradeceu “a visita e o apoio do presidente da Deputación” e sinalou que “os fondos da Deputación son fundamentais para concellos coma o noso. Sen eles, sería complicado sacar adiante o día a día”.
Roberto Castro Rocamonde explicou que a proposta de investimentos do Plan Único foi rexeitada polo Partido Popular no pleno “sen presentar unha proposta alternativa, máis que pedir a dimisión do alcalde”, a pesar de que “algunhas das obras recollidas foran propostas no seu día polo propio PP”. Ante esta situación decidiu remitir á Deputación un decreto da alcaldía coa solicitude das obras co obxecto de intentar salvar os fondos para o municipio.
O alcalde sinalou que a cantidade que pode perder o concello “é de 300 euros por veciño” e que supón “unha cifra moi importante para un concello pequeno como Touro.
”Desde a súa creación, o Plan Único permitiu investir máis de 7,5 millóns de euros no municipio, financiando 81 obras, na súa maioría melloras de estradas e camiños rurais, actuacións de saneamento e abastecemento de auga ou construción de sendas peonís.
Tras a reunión no Concello, Formoso e o alcalde visitaron algunhas das actuacións executadas co POS en anos anteriores, como a senda peonil de Tarrío a Silva (Bama) ou o saneamento de Obra, exemplos do impacto positivo que ten o Plan Único na mellora dos servizos e infraestruturas do rural.
O presidente provincial reclama á Xunta incrementar o financiamento municipal
Noutra cuestión relacionada co financiamento dos concellos, Formoso esixiu á Xunta de Galicia un maior esforzo inversor en materia de apoio aos municipios. Fixo fincapé en que o organismo autonómico, a través do Fondo de Cooperación Local (FCL), investirá este ano menos cartos nos 313 concellos galegos que a Deputación da Coruña, mediante o POS+, nos 93 municipios da provincia.
“A nosa reclamación é clara: a Xunta debe incrementar a contía do Fondo de Cooperación Local ata un mínimo de 200 millóns de euros de forma inmediata”, afirmou o presidente da institución provincial, lembrando que “os custos para os concellos cada vez son maiores e a Xunta, responsable neste eido, debe ser sensible”.