El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Lucas Ricoy
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Os Premios PEL da Deputación baten récord de participación: 127 candidaturas presentadas

O prazo de inscrición pechouse o pasado 16 de maio.

04-06-2025 18:02:40
Xurado PEL 2025.

REDACCIÓN | A VII edición dos Premios PEL bateu este ano o seu récord histórico de participación, con 127 candidaturas presentadas por empresas e persoas autónomas da provincia da Coruña. A convocatoria, promovida pola Deputación, consolídase así como un dos principais recoñecementos ao emprendemento e á innovación empresarial de Galicia. 

O prazo de inscrición pechouse o pasado 16 de maio e o xurado de persoas expertas reuniuse esta mañá na sede da institución provincial para valorar as propostas, que optan a un total de 75.000 euros en premios

O acto de entrega dos premios PEL 2025 terá lugar o venres 20 ás 19.30 horas no Campus Tecnolóxico Cortizo de Padrón, nun evento que reunirá representantes do mundo institucional, empresarial e social. 


Tres categorías, máis visibilidade 

As candidaturas distribúense en tres categorías: 

.- Iniciativa Emprendedora (31) 

.- Traxectoria Empresarial (79) 

.- Proxección e Innovación Sostible (17), esta última a proposta do propio xurado. 

perfil das entidades participantes reflicte a diversidade e dinamismo do tecido económico coruñés con 58 microempresas, 34 profesionais autónomos e unha ampla representación do sector servizos (83), no que destacan especialmente empresas de ámbitos como a hostalería, o turismo, a educación e a formación. 


Compromiso co territorio e coa igualdade 

As candidaturas presentadas proceden de 40 concellos da provincia, cunha forte presenza das comarcas da Coruña e Santiago. Ademais, destaca o compromiso coa igualdade de xénero, xa que en máis da metade das candidaturas (60), as promotoras son mulleres ou as empresas contan cunha participación feminina igual ou superior ao 50 % no capital social. 


Xurado experto e recoñecemento á excelencia 

O xurado estivo presidido por Antonio Fontenla Ramil, presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), e contou coa participación de profesionais do ámbito universitario, financeiro, da economía social e do emprendemento, como José Manuel Cotos Yáñez (USC), Antonio García Lorenzo (UDC), Rosa Mary Cardeso Trillo ( Cámara de Comercio de Santiago), Romyna Fraga Lesta (Cámara de Comercio da Coruña), Carme Pampín Casal (GalChimia S.A.) e Verónica Marcos Arrojo ( FADEMUR). 

Durante a deliberación, valoráronse criterios como a orixinalidade da idea, o grao de innovación, o impacto social e territorial da empresa ou a implantación de medidas de responsabilidade social. 

Ademais dos tres premios principais de 20.000 euros cada un, o xurado acordou conceder tres accésits de 5.000 euros a empresas cunha especial relevancia e impacto no territorio. 


Acto de entrega en Padrón 

Os gañadores desta edición 2025 dos Premios PEL da Deputación da Coruña daranse a coñecer durante a gala oficial que se celebrará o vindeiro 20 de xuño no Campus Tecnolóxico de Cortizo, en Padrón. O acto servirá para recoñecer publicamente a contribución das empresas ao desenvolvemento económico sostible da provincia e permitirá ademáis fomentar o contacto e o intercambio de experiencias entre as candidaturas participantes.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias