REDACCIÓN | O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, renovou hoxe na Coruña o compromiso de seguir loitando nos dous anos que restan de lexislatura para que Galicia “logre o mellor rédito do momento que está a vivir España”. Fíxoo na semana en que se cumpren dous anos do anuncio do seu nomeamento como máximo responsable do Goberno de España na Comunidade Autónoma.
Pedro Blanco fixo balance destes primeiros dous anos no cargo nun almorzo informativo celebrado na sede da Delegación do Goberno. Nel, insistiu na vontade de manter o intenso ritmo de traballo destes dous anos para mellorar Galicia e a vida dos galegos e as galegas, advertindo que “isto non se para” en alusión aos avances que sumará a Comunidade nos vindeiros meses.
Destes dous anos, o delegado reivindicou os logros acadados polo Goberno de Pedro Sánchez, “o máis progresista da historia”, destacando os avances en dereitos e a consolidación do Estado de Benestar ao tempo que se conseguiron as mellores cifras económicas e laborais da historia recente.
O impacto da acción do Goberno de España na Comunidade revela que “o Goberno de Pedro Sánchez foi e é o mellor Goberno para Galicia”, significou Pedro Blanco, tanto en investimentos, como en transferencias. Así, lembrou que o recente balance de catro anos de execución do Plan de Recuperación xa falaba de máis de 4.000 millóns de euros investidos en Galicia, na transformación da economía e do territorio. A estes investimentos, súmanse as meirandes transferencias á Comunidade Autónoma e aos concellos da historia.
En infraestruturas, o delegado remarcou que estes anos foron os do desbloqueo de proxectos historicamente paralizados en ferrocarril, estradas, portos e aeroportos. Obras que xa están en distintas fases de execución e que traerán, en pouco tempo, unha mellora substancial nas comunicacións e na mobilidade no conxunto de Galicia.
Un Goberno de Acción
Este precedente, sinalou o delegado, é o mellor dos impulsos para o futuro: “somos un Goberno de Acción, que non se conforma e que quere seguir sumando compromisos e dereitos”. “Hoxe Galicia está mellor que hai sete anos, pero non nos conformamos” e proba diso, indicou, “os últimos anuncios do presidente do Goberno para dar resposta aos principais problemas das persoas: novos plans de investimento en vivenda; novo plan de saúde visual para os nosos nenos e nenas e o plan de saúde mental para toda a poboación, a futura lei de familias para impulsar a conciliación”.
Xunto a estes dereitos, o delegado lembrou os próximos avances en infraestruturas como o “remate da autovía Santiago-Lugo; as estacións intermodais de Santiago, A Coruña, Lugo e Ourense; a conexión ferroviaria do porto exterior da Coruña e as humanizacións de vilas e cidades”. E remarcou que “en todos eles, a Delegación do Goberno e este delegado estaremos presentes, para que todos eles se executen en tempo e forma, para conseguir o máximo beneficio para Galicia”.
Neste labor de xestión e de fiscalización, o delegado recoñeceu o traballo e colaboración das dúas subdelegadas, María Rivas e Isabel Rodríguez, s dos dous subdelegados, Abel Losada e Eladio Santos, nas provincias galegas, levando o Goberno de España ao último recuncho do territorio galego. Unha tarefa que, remarcou o delegado, seguirá a facer con lealdade institucional e mantendo as portas abertas da Delegación para toda a cidadanía: “somos galegos e galegas que desde a Delegación do Goberno traballamos para os galegos e para as galegas”.
Dous anos de xestión
O 9 de xuño de 2023 o Goberno fixo público o nomeamento do xurista Pedro Blanco Lobeiras como delegado do Goberno na Comunidade Autónoma de Galicia, en substitución de José Manuel Gómez Besteiro. Catro días despois, o Consello de Ministros ratificaba este anuncio aprobando o Real Decreto de nomeamento, que saíu ao día seguinte publicado no Boletín Oficial do Estado.
Desde a súa toma de posesión, Pedro Blanco desprazouse a máis de 100 concellos galegos e atendeu máis de 1.500 reunións, encontros e actos oficiais, o que lle obrigou a percorrer 203.000 quilómetros. Na xornada de hoxe, despois do almorzo informativo, Pedro Blanco supervisará a execución da variante de Ourense, presentará os resultados da Operación policial “Copérnico”, nesa mesma cidade; manterá unha xuntanza de traballo con alcaldes e alcaldesas da Comarca de Verín, e, finalmente, asistirá a última hora da tarde en Vigo ao acto de entrega dos II Premios Empresa do Ano de Galicia.