REDACCIÓN | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, sumouse hoxe ás voces que demandan a implantación da carreira de Medicina na Universidade da Coruña.
Formoso xustificou esta necesidade na falta de profesionais médicos que sofre actualmente Galicia: “Hai unha demanda da sociedade galega de ampliar a plantillas de médicos que agora mesmo son insuficientes, especialmente no rural e en especialidades como Pediatría, onde o 15% das prazas quedan sen cubrir”, o que propicia que miles de nenos e nenas en Galicia non dispoñan de servizo de pediatría no seu centro de saúde máis próximo.
Neste sentido, destacou que Medicina é “unha carreira vocacional, probablemente a máis vocacional que existe” e lembrou que cada ano hai 3.000 persoas en Galicia que solicitan o acceso á carreira de Medicina e que a Universidade de Santiago oferta unicamente 400 prazas, pero pide máis de 500 prazas MIR cada ano e se estima que un de cada tres médicos se xubilará na próxima década.
“Se cada ano hai 2.600 estudantes que quedan sen praza e siguen faltando médicos, non se entende que non poda haber unha nova oferta nunha cidade como A Coruña, que ten unha Facultade de Ciencias da Sáude consolidada, que garante unha docencia clínica de alta calidade, e que ten un hospital que está en todos os índices de referencia como o primeiro de Galicia e entre os mellores vinte hospitais de todo o Estado”, afirmou Formoso, que subliñou a importancia de garantir que as e os estudantes de Medicina “podan seguirse formando na pública” e a carreira non quede só reservada para os que que podan permitirse as universidades privadas.
O presidente da Deputación avogou por seguir mantendo “un papel preponderante a Facultade de Medicina de Santiago”, pero preguntouse “por qué non unha Facultade de Medicina na Coruña que dé cobertura a esta demanda social, a esas vocacións e que permita que os estudantes de Medicina se sigan formando na pública, que é o que está demandando a UDC?”, preguntouse.
Murais de Lugrís na Coruña
Preguntado sobre a ausencia da Deputación da Coruña na reunión da semana pasada entre a Xunta de Galicia e o Concello da Coruña para abordar a recuperación dos murais de Urbano Lugrís na rúa Olmos da cidade herculina, Formoso lembrou que a institución provincial non estivo por “problemas de axenda”, que ambas partes coñecían previamente.
Formoso aproveitou para subliñar que “eses murais están na cidade da Coruña e pertencen á Xunta de Galicia, e o papel da Deputación, segundo di a Lei de Bases de Réxime Local, é apoiar especialmente aos concellos máis pequenos”.
“O patrimonio existe en todos os puntos cardinais da provincia da Coruña. Non se trata só de declarar administrativamente os Bens de Interese Cultural, senón de protexelos efectivamente; e nese camiño a Deputación da Coruña leva investido moitos millóns de euros con exemplos tan grandiosos como a recuperación do mosteiro de Caaveiro, a rehabilitación das baterías de costa de Ferrolterra, o dolmen de Dombate, o Pazo de Mariñán ou as Torres do Allo...e non recorremos a ningunha outra administración para facer todo este traballo de recuperación do patrimonio público nos concellos máis pequenos, facémolo co noso propio orzamento, polo que tampouco entendemos que a Deputación teña que ter un papel preponderante na conservación dunha cuestión que é de competencia autonómica”, afirmou Formoso, que indicou que “estamos abertos a calquera tipo de colaboración institucional, polo que asistiremos a próximas reunións, pero facendo esta mesma reflexión”.