REDACCIÓN | A Cidade da Cultura acolleu hoxe a gala de clausura da primeira edición do programa radiofónico Fala que Fala, unha iniciativa organizada por Radio Líder coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia que reuniu a máis de 300 estudantes de seis centros educativos para celebrar o galego como lingua de comunicación, identidade e lecer.
Ao longo da mañá, o público asistente —formado por alumnado, profesorado, familias, representantes institucionais e patrocinadores— gozou dun programa cheo de contidos audiovisuais, entrevistas, música en directo, maxia e reflexións arredor da lingua. A gala estivo presentada polos comunicadores Álvaro Veiga e Sara Garea, que deron paso ás distintas intervencións coa enerxía propia dunha celebración colectiva do talento xuvenil. Unha velada que estivo patrocinada por Finsa, A1 Seguridade, Cotelga, Forvigal, Ferrecal, Raxoi, Eme Audiovisuais, Vegalsa-Eroski e o Centro Comercial As Cancelas, empresas todas elas de gran concienciación coa lingua galega.
Un dos momentos centrais foi a intervención de Valentín García, secretario xeral da Lingua, quen salientou “o entusiasmo da mocidade por facer e demostrar que o galego é unha lingua viva, útil e divertida”. O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude anunciou, ademais, a continuidade do proxecto: “Xa estamos a traballar na organización da segunda edición para o curso 2025-2026, porque cremos firmemente no potencial do galego nos espazos creativos da mocidade”.
Durante a gala proxectáronse vídeos-resumo dos programas realizados nos centros participantes —IES de Oroso, IES de Ordes, IES Manuel García Barros da Estrada, IES Faro das Lúas de Vilanova de Arousa, Liceo La Paz da Coruña e CPR Vila do Arenteiro de O Carballiño— e o alumnado subiu ao escenario para compartir a súa experiencia como locutores e creadoras de contido radiofónico en galego. Ler máis