El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Besteiro, a Rueda: "O seu silencio ante a denuncia de agresión sexual doe"

11-06-2025 11:23:14
José Ramón Gómez Besteiro.

REDACCIÓN | O portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, situou hoxe a Alfonso Rueda no epicentro da crise política e institucional que vive Galicia tras a denuncia por agresión sexual contra un ex conselleiro do seu goberno. Durante a sesión de control no Parlamento, acusouno de ser xa non un presidente, senón un problema para o país. 

Besteiro lembrou que, malia preguntarlle desde xaneiro polos problemas reais da cidadanía, como o gravísimo acceso á vivenda, Rueda respondeu en todo momento desviando a atención con referencias a Pedro Sánchez, á Lei de Amnistía ou mesmo á bandeira de España. “Unha burla, un insulto á intelixencia da xente que agarda solucións e recibe eslóganes”, reprochoulle. 

Neste contexto, advertiu que “non estamos aquí para soportar eslóganes, senón para que vostede asuma as súas responsabilidades” e denunciou como o presidente da Xunta leva semanas fuxindo da súa obriga política. “Ten a obriga de explicar a política galega, pero escolle o silencio. Ten a obriga de tomar decisións sobre os problemas importantes, pero escolle o silencio. Cando xorden cuestións que sacoden a vida dos galegos e das galegas, vostede escolle o silencio. Escolle sempre o silencio”, afirmou. 

Referiuse así á denuncia por agresión sexual que afecta ao ex conselleiro do goberno galego Alfonso Villares, un caso que Rueda tentou ocultar durante meses. “Leva días fuxindo das explicacións. Marchou de Galicia e estivo en silencio. E mesmo onte, por dúas veces, tivo a oportunidade de aceptar unha comparecencia neste Parlamento e volveu escoller o silencio. O seu silencio doe. O seu silencio avergoña”, engadiu. 

Ante a falta de respostas do presidente da Xunta, foi o propio Besteiro quen puxo sobre a mesa as cuestións que a sociedade galega segue sen coñecer. Preguntou por que ocultou durante catro meses a denuncia por agresión sexual contra un conselleiro, por que promoveu unha homenaxe institucional a ese conselleiro dimitido por un caso tan grave e que pensa de ver a todo o PP aplaudíndoo a rabiar. 

Interpelouno tamén sobre que opina de que se falase de “dimisión en conciencia” ou de “renuncia ao aforamento” cando o que había era un intento de dilatar os tempos, se é consciente de que filtrar o nome da denunciante pode ser constitutivo de delito e que pensa de que ese nome se soubese minutos despois de saír á luz a dimisión. Ademais, preguntou que lle parece que o foco se poña na muller que denuncia por unha agresión sexual e por que non dixo nin unha palabra contra a violencia machista. 

Neste sentido, advertiu ademais que "con esa actitude o que están a conseguir é revitimizar a quen denunciou", e engadiu que o seu comportamento "non só é unha indignidade política, senón tamén unha grave irresponsabilidade institucional". 

Sen recibir ningunha resposta por parte de Rueda, foi o propio Besteiro quen tivo que concluír: “Vostede ten todo o dereito a pensar que o seu amigo é inocente. Pero vostede é o Presidente da Xunta, non un colega que tapa, que acompaña cegamente a outro. O silencio non é unha opción dun presidente digno. O silencio, no seu caso, é unha renuncia. E cada día que pasa sen explicacións, queda máis claro que vostede non está á altura. Con vostede, Galicia non ten un presidente, ten un problema”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias