El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación achega 1,5 millóns á Orquestra Sinfónica de Galicia para levar a súa música por toda a provincia en 2025

19-06-2025 16:18:22
Valentín González Formoso e Inés Rey.

REDACCIÓN | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa da cidade e presidenta do Consorcio para a Promoción da Música, Inés Rey, asinaron hoxe o convenio de colaboración para o financiamento do programa de actividades da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) durante o ano 2025. No acto participou tamén a deputada de Cultura, Natividad González. 

A Deputación achega un total de 1,5 millóns de euros, a maior subvención nominativa que a institución provincial concede cada ano, cun obxectivo claro: achegar a música da Sinfónica a toda a cidadanía da provincia, especialmente aos concellos que non contan con programación estable deste tipo. 

“A OSG é un referente no seu ámbito e un orgullo para todos os galegos e galegas. Co apoio da Deputación queremos que a súa excelencia musical non quede restrinxida ao Palacio da Ópera da Coruña, senón que se espalle por todo o territorio, achegando a música a todos os concellos e a todos os públicos”, sinalou o presidente provincial, que destacou “o compromiso que dende hai décadas mantén a Deputación coa Orquestra Sinfónica de Galicia” para potenciar a súa actividade . 

“A nosa querida Orquestra Sinfónica de Galicia é todo un referente a nivel mundial e, ademais dos seus grandes concertos máis alá de Galicia, é moi necesario que a nosa provincia e as súas diversas localidades poidan gozar dos seus concertos”, indicou Inés Rey, que celebrou a renovación do “apoio da Deputación para expandir a súa programación anual”. 

Segundo a memoria de actividades do Consorcio, en 2025 a OSG desenvolverá máis de 150 accións entre concertos, ensaios abertos, proxectos formativos e actividades inclusivas. A programación inclúe concertos fóra da cidade Coruña dando continuidade á colaboración con concellos da provincia como Ferrol, Santiago de Compostela, Vimianzo ou Ares; un novo ciclo de concertos didácticos para escolares, dos que gozaron xa 22.000 estudantes de máis dun centenar de centros educativos de Galicia; o programa “Son Futuro”, que ofrece formación e experiencia a músicos mozos da provincia ou encontros interxeracionais que promoven a convivencia entre xeracións a través da música; e ensaios abertos ao público para achegar o traballo da orquestra a toda a cidadanía. 

A colaboración entre a Deputación e o Consorcio para a Promoción da Música enmárcase na aposta estratéxica da institución provincial polo acceso universal á cultura, a descentralización da programación e a promoción dos valores sociais da arte. Con esta achega, a Deputación garante a continuidade dunha das orquestras máis recoñecidas do Estado, cunha recoñecida calidade artística e unha longa traxectoria nacional e internacional.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias