El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

CARIÑO

Cariño presenta o cartel da XLVII Mostra de Teatro Galego

Se celebrará do 3 ao 9 de agosto.

20-06-2025 17:18:30
Presentado o cartel da Mostra de Teatro Galego.

REDACCIÓN | O Concello de Cariño presentou hoxe o cartel da XLVII Mostra de Teatro Galego, un evento xa emblemático no panorama cultural galego e unha das mostras teatrais máis veteranas de Galicia. Esta edición, organizada polo Concello coa colaboración da Deputación da Coruña e AGADIC, celebrarase do 3 ao 9 de agosto, cunha ampla programación que será desvelada nas próximas semanas. 

O acto de presentación, que tivo lugar no Auditorio Municipal, contou coa intervención da alcaldesa de Cariño, Ana María López, a concelleira de Cultura, Laura García, o presidente de AGADIC, Jacobo Sutil, a deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios, Cristina García, e o deseñador do cartel, Borja Guerrero. 

A rexedora quixo agradecer a colaboración da Deputación da Coruña e de AGADIC, así como o traballo feito polo deseñador, comentando que “somos moitos traballando de cara a esta Mostra, que xa se aproxima as cincuenta edicións, e que nos fai especial ilusión”. López afirma que “esta é, sen dúbida, a gran cita do noso Concello, e confiamos en que sexa unha gran edición, xa que contamos cunha programación de calidade para todos os públicos”. 

O director de AGADIC, Jacobo Sutil, quixo agradecer ao Concello de Cariño por “seguir mantendo unha proposta cultural cunha calidade indiscutible, como será a edición deste ano, e que seguro que será todo un éxito”. 

Na mesma liña, a deputada provincial, Cristina García, quixo felicitar ao Concello de Cariño de parte da Deputación da Coruña “por organizar un ano máis esta Mostra, que cumpre a súa 47ª edición, xa que son moitos anos de traballo e de aposta pola cultura”. 


Un cartel cargado de simbolismo nunha edición con varias novidades 

O cartel desta edición está realizado en acuarela polo artista Borja Guerrero e busca reflectir a historia do Concello vencellada ao teatro, mesturando varios factores para crear unha imaxe que, segundo explicou a concelleira de Cultura, Laura García, “transmite moi ben o que é Cariño e a súa xente e estamos seguros de que vai a gustar moito”. 

Nesta edición, unha das grandes novidades é a posta en escena, o sábado 2 de agosto ás 12:00 horas, da obra “Ás 12”, unha creación do grupo de teatro de actividades extraescolares do concello que servirá para abrir o apetito antes do inicio oficial da Mostra. Esta montaxe conta coa dirección de Pepablo Patiño, recoñecido actor e membro da compañía Ghazafelhos. Trátase da primeira vez que este grupo actúa na Mostra, un fito que se destaca especialmente como proba do talento local e do compromiso coa educación artística dende idades temperás. 

Como é habitual, a Mostra non se limitará aos espazos pechados. As rúas de Cariño volverán a encherse de teatro, espectáculos de circo, danza e maxia, con actuacións que serán anunciadas proximamente. 

Así, a Mostra de Teatro Galego de Cariño manterá, un ano máis, o seu compromiso cun teatro plural, actual e enraizado no noso, sendo un espazo de encontro para todas as idades, sensibilidades e procedencias.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias