El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

A CORUÑA

Inés Rey e Alfonso Rueda rubrican o paso definitivo para iniciar as obras de construción do novo Santa Lucía

Arrincarán antes de que remate este ano.

26-06-2025 16:57:10
Inés Rey.

REDACCIÓN | A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asinaron hoxe o convenio de colaboración interadministrativo que certifica a próxima posta en marcha das obras de rehabilitación do antigo mercado de Santa Lucía, que será remodelado para construír un novo centro de saúde, un centro cívico e diversos espazos de usos múltiples, o que suporá un investimento de máis de 10 millóns de euros no barrio da Falperra. 

O acordo asinouse esta mañá no Salón Real do Palacio Municipal, onde Rey e Rueda coincidiron en cualificar de “histórica” a resolución desta demanda da cidadanía da Coruña. “A creación do centro de saúde de Santa Lucía non era unha demanda máis, senón unha das máis relevantes porque suporá mellorar a atención sanitaria de todo un barrio da cidade, a creación dun espazo de encontro para os veciños e veciñas, a dinamización económica do barrio e, ao mesmo tempo, a rehabilitación dun edificio que leva xa demasiados anos en desuso”, explicou a alcaldesa na rolda de prensa desta mañá. 


Un prazo de execución de 18 meses, co obxectivo de que as obras rematen no 2027 

A Xunta de Goberno Local xa deu luz verde á licitación das obras de rehabilitación do antigo mercado de Santa Lucía. O investimento será de 10,3 millóns de euros, dos que o Concello achega practicamente a metade. Cómpre lembrar, ademais, que o Concello conseguiu tres millóns de euros en fondos europeos PIREP para cofinanciar as actuacións coa Xunta. 

O prazo de execución fíxase en 18 meses desde a posta en marcha dos traballos. A intención é que as obras estean en marcha antes de que conclúa este ano, co obxectivo de que A Coruña conte no 2027 con esta infraestrutura tan necesaria. 

Hoxe, profesionais do equipo técnico da Concellaría de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda expuxeron os principais detalles das actuacións de rehabilitación en Santa Lucía, unha actuación deseñada polo estudio Burgos & Garrido, gañador do concurso de ideas que determinou o proxecto definitivo para recuperar este espazo. 

Da proposta de Burgos & Garrido valorouse a súa aposta pola eficiencia enerxética do inmoble, ademais de ter en conta os materiais da fachada e a cuberta, así como a redistribución dos espazos interiores, para aproveitar a luminosidade natural da contorna, e de manter o espírito lixeiro e industrial que inspirou a antiga estrutura do recinto, obra de Manuel Gallego Jorreto. 


Colaboración interadministrativa para culminar unha demanda de hai quince anos 

A recuperación de Santa Lucía e a construción dun novo centro de saúde permitirá osixenar ou substituír o ambulatorio de Federico Tapia —con pacientes domiciliados en barrios como a Falperra e o Ensanche—, unha demanda latente desde fai case quince anos. 

Neste sentido, Inés Rey agradeceulle a Alfonso Rueda “o seu compromiso real e efectivo co proxecto” e mais aos equipos técnicos de ambas as administracións, “que traballaron rigorosa e lealmente para que hoxe esteamos aquí e cun proxecto que nos satisfai ás dúas partes”. 

A alcaldesa tamén lles trasladou o seu agradecemento ás veciñas e veciños da Falperra, “pola súa paciencia infinita ao longo destes anos. Porque en proxectos complexos coma este sabes cando empezas a tramitación pero custa moito poder comprometer unha data acertada de inicio das obras e non me custa recoñecer que este é un dos asuntos da cidade nos que nos gustaría ter sido capaces de ir máis rápido para que as obras xa estivesen en marcha porque esa é a única forma de que os cidadáns e cidadás poidan ver que si, que agora non é un anuncio, que é unha realidade”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias