REDACCIÓN | O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurará o venres a sétima edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que se celebrará a fin de semana do 4 ó 6 de xullo no paseo do Malecón da cidade.
No acto, estará acompañado por unha ampla representación institucional, ademais do pregoeiro desta edición, que será José Luis Iravedra, Presidente da Asociación Cultural e Gastronómica “O Tizón”.
Un dos aspectos máis destacados desta sétima edición é que haberá unha importante zona de sombreado que abarca todo o recinto así como o acceso ó Palco Inaugural para que o visitante que se achegue poida pasear polo espazo do Malecón máis comodamente.
Nesta edición ademais, haberá outra mellora con respecto ás Salas de Catas, que non soamente aumentan o aforo de cada taller, pasando de 30 participantes a 35 senón que tamén se delimitará o espazo da sala coa creación de muros laterais para facela mais acolledora e cómoda para os participantes.
Outra das novidades deste ano, será a presentación dos Tokens, fichas personalizadas como forma de pago, que sustitúen os habituais selos de papel, que se atopaban á venda nos stands de recepción, que resultan mais difíciles de perder ou deteriorar, resultando mais cómodos para os visitantes do Festival. Ademais engadirase retroiluminación ó pórtico de entrada ó Festival que se añadiu o ano pasado por primeira vez, e que foi utilizado por moitos visitantes como photocall.
“Estou convencido -sinala o rexedor monfortino- de que o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte seguirá sendo un evento de referencia no sur da provincia de Lugo, un evento destinado a público de todas as idades, onde quen nos visite poderá descubrir e sentir Monforte e a Ribeira Sacra a través da súa paisaxe, gastronomía e tradición e por suposto, do viño”.