El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Conchi Basilio
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Formoso sinala a dinamización económica como un piar das políticas progresistas: "Dela depende o sostemento dos servizos públicos"

03-07-2025 16:31:48
Valentín González Formoso (c).

REDACCIÓN | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, sinalou hoxe que cando un goberno progresista coma o provincial considera a economía “un piar fundamental” das súas políticas, aínda que non teña competencias directas nesa área, é porque dela depende “o máis sensible das sociedades, como é o sostemento dos servizos públicos”. “Ampliar un hospital, abrir unha escola infantil ou por en marcha un novo modelo de residencia, como vai facer a Deputación, non é posible sen os ingresos que xera a actividade económica”, recordou. 

Foi na presentación do estudo “A economía galega. Informe 2024”, unha publicación elaborada polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), dependente da Universidade de Santiago de Compostela. Xunto a el estiveron os profesores da USC Dolores Riveiro García e Roberto Bande Ramudo, coordinadores do traballo, que se ven editando de xeito anual desde 1986 e que conta coa colaboración da institución provincial e de Caixa Rural Galega. 

Tal como explicou Formoso, no estudo, que é “un referente” en Galicia, participaron 14 profesores da USC, que analizaron a evolución dos indicadores en ámbitos coma o agro, a pesca, a industria, a construción e o mercado inmobiliario, os servizos (cun apartado especialmente dedicado ao turismo), o mercado de traballo, o sector público e o comercio exterior. 

O presidente provincial destacou a publicación como unha ferramenta “moi práctica” que proporciona unha fotografía polo miúdo da situación da economía galega, especialmente útil para as Administracións, por canto serve de “guía para o desenvolvemento de políticas”. 

Dolores Riveiro afondou nas principais conclusións que se extraen do informe. Entre elas, apuntou o estancamento da renda na agricultura, mentres sobe tanto en España coma en Europa, e respecto da pesca enumerou problemas como a caída da descarga en lonxa ou descenso da demanda. 

O incremento da ocupación na industria (un 9 %) e a baixada no sector servizos, a subida das exportacións, coa automoción e o téxtil á cabeza, ou o alto prezo dos alugueiros, que se incrementaron un 7,9 % e nalgunhas zonas urbanas xa consume a metade dos ingresos da xente nova, son outros dos indicadores que foi debullando. 

Pola súa banda, Roberto Bande advertiu que, aínda que a evolución do mercado de traballo “foi boa”, o ritmo de crecemento do emprego “estase ralentizando”, o cal cualificou de “preocupante”. Nese senso chamou a atención sobre que a fenda respecto do conxunto de España “está aumentando”. Mentres a economía española xa recuperou os niveis de ocupación previos ao 2008, a galega “non foi capaz aínda”, explicou. 

O emprego autónomo “tamén é outra preocupación”, dixo, porque a situación de 2023, cun forte aumento ao abeiro da batería de axudas das Administracións, mudou completamente.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias