REDACCIÓN | A II Feira GastroLexítimo concluíu hoxe deixando un sabor doce na Esperela. Ao longo de dúas xornadas tomaron parte nesta cita centos de persoas interesadas en coñecer a riqueza gastronómica, vitivinícola e, sobre todo, o Branco Lexítimo de Paderne. O alcalde, Sergio Platas, sinala que a do GastroLexítimo “é xa unha cita consolidada, non só no municipio, senón tamén na comarca, algo que quedou demostrado tanto onte como hoxe, rexistrando un gran número de asistentes”.
A xornada do domingo estivo marcada pola celebración do II Trail e Andaina Feira GastroLexítimo, que contou cunhas 350 persoas inscritas nas distintas categorías: trail absoluto, de 22 quilómetros; minitrail, de 10 quilómetros, e un pequetrail de 1.200 metros de lonxitude. O colofón final da proba foi a entrega de galardóns aos deportistas que acadaron os mellores resultados.
Outra das grandes atraccións do programa foron as catas de Branco Lexítimo e doutras varidades, dirixidas por Alejandro Paadín, experto na materia. A de hoxe fíxose a cegas e por parellas, congregando a un amplo número de inscritos. Outra das propostas da xornada de peche foi unha experiencia gastronómica a cargo de Miguel Mosteiro. O programa completouse con pasacalles, obradoiros e xogos para os nenos e nenas.
Paderne deu hoxe o pistoletazo de saída á II Feira GastroLexítimo. Trátase dun evento co que o Concello busca enxalzar e pór en valor a súa tradición gastronómica e vitivinícola cun claro fío condutor: a Branco Lexítimo. A inauguración da cita correu a cargo do alcalde, Sergio Platas, do vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, e da deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán. As súas intervencións precederon ao pregón oficial por parte do presentador da TVG, Paco Lodeiro. Estes actos institucionais supuxeron o arranque dun programa completo de actividades que se desenvolverá hoxe, sábado 5 de xullo, e mañá, domingo día 6, na Esperela.
Durante a súa intervención, o rexedor subliñou que o obxectivo da festa é servir de homenaxe "ao Branco Lexítimo e tamén ao bo facer dos nosos bodegueiros, sen os que esta variedade non sería o que é hoxe en día. Queremos reivindicar o valor destes profesionais e desa uva branca que tanto fala do noso pasado, do noso presente e do noso futuro como municipio". O primeiro edil animou a locais e tamén á veciñanza doutros municipios a sumarse ao programa de actividades da fin de semana, “que contará con alternativas para todos os gustos e idades cun claro obxectivo: que o noso Branco Lexítimo estea, tanto de xeito figurado como literalmente, en boca de todos e todas”.
O vicepresidente sinalou que “é un pracer para a Deputación apoiar un evento que combina tradición, artesanía alimentaria, paisaxe, cultura e identidade local e que converte a esta pequena aldea da Esperela nun escaparate da mellor gastronomía da provincia e do país”. Regueira explicou que “O Branco Lexítimo, con esa personalidade marcada polo solo, polo clima e polo saber facer dos nosos viticultores, é moito máis que un viño: é un símbolo do que somos, cunha historia e unha singularidade que paga a pena poñer en valor”, engadiu. Tal e como explicou, o apoio do ente provincial é parte da “promoción turística e gastronómica que desenvolvemos, e sabemos de primeira man que os viños da provincia triunfan alá onde van. Apoiar o sector vitivinícola local non é só impulsar a economía; é tamén preservar a paisaxe, a cultura e o modo de vida que nos define como provincia”.
Pola súa parte, a deputada de Mar e Medio Rural definiu a Feira GastroLexítimo como “un encontro coa nosa identidade, un espazo no que os viños, os produtos da agricultura ecolóxica e o saber facer da nosa xente se poñen en valor como o que son: cultura, economía e futuro”. Capelán explicou que as citas así “contribúen a xerar actividade económica e a reforzar o vínculo entre os produtos que consumimos e o lugar de onde veñen”.