REDACCIÓN | O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará o vindeiro luns a resolución de Turismo de Galicia que fixa e regula o proceso para a obtención dos bonos turísticos deste ano dentro do programa #DescubreGaliciaenOutono. Coa publicación desta resolución iníciase o procedemento para a posta en circulación de máis de 16.000 bonos que se poderán gozar en distintos establecementos e servizos turísticos de Galicia fora de tempada, concretamente desde o 15 de setembro ata o 25 de decembro deste ano.
Os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga desde as 09,00 horas do 18 de xullo ata o 19 de decembro de 2025 na web www.bonoturismo.gal. Deste xeito, Turismo de Galicia pretende incentivar a desestacionalización na comunidade mediante o cofinanciamento de estancias e actividades, prolongando así a actividade turística fóra de tempada e dinamizando a economía e o emprego no sector. En total, a Xunta inviste este ano 1 millón de euros, a través dos que se espera mobilizar ata 2,5 millóns no sector durante o outono.
Deste xeito, mobilizaranse máis de 16.000 bonos que estarán dispoñibles en formato código QR. Cada persoa poderá acceder a un máximo de dous bonos, que serán cada un dun importe de 150 euros, cofinanciados nun 40% pola Xunta de Galicia e nun 60% polas persoas solicitantes. Estas últimas deberán, por tanto, abonar 90 euros por cada bono, 180 euros no caso de que accedan aos dous máximos, que lles facilitarán ata 300 euros para gozar dunha estadía o vindeiro outono nalgún dos establecementos participantes no programa.
A resolución que se publicará no DOG tamén establece que os establecementos de aloxamento turísticos e as axencias de viaxes que desexen adherirse ao programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos deberán rexistrarse na web www.bonoturismo.gal a partir do vindeiro martes, 15 de xullo, e o prazo remará o 1 de decembro deste ano.
Poderán apuntarse aqueles establecementos de aloxamento da comunidade autónoma e axencias de viaxes que teñan un centro de traballo en Galicia e desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado á comunidade. Deberán estar dados de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) no momento da publicación da convocatoria.
Desestacionalización e promoción do turismo interno
Os bonos turísticos xurdiron no contexto da pandemia de COVID-19, co obxectivo de dinamizar o consumo turístico nun momento de baixo movemento. Desde entón, a iniciativa evolucionou ata consolidarse como un referente na promoción do turismo fóra da temporada alta, que fomenta ademais o sector turismo e as viaxes dentro da propia comunidade.
Durante estes cinco anos (2020-2024), puxéronse en circulación máis de 63.000 bonos turísticos e mobilizáronse máis de 16,5 millóns no sector turístico galego. Deles, 2,5 millóns mobilizáronse só en 2024 cando tamén participaron máis de 400 establecementos de toda Galicia.