El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

EQUINA GALICIA 2025

Equina 2025 celebra a súa xornada máis intensa

Con cinco importantes competicións de doma clásica, equitación de traballo e morfofuncional.

12-07-2025 17:17:18
Equina Galicia 2025.

REDACCIÓN | Equina Galicia 2025, organizada pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde, continúa celebrándose na Feira Internacional de Galicia ABANCA con entrada gratuíta. E faio cunha intensa xornada na que concentra cinco importantes competicións, ademais doutras actividades. 

Así, Equina Galicia 2025 acolle hoxe máis seccións do seu XI Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, concurso morfofuncional que é o eixo central do evento e valora tanto a morfoloxía dos exemplares como os seus movementos. Ao longo da xornada desenvólvense as seccións de morfoloxía de eguas de 5, 6 e 7 ou máis anos, e tamén as probas de funcionalidade (movementos), nas cales se avalían, entre outros aspectos, os movementos a paso, trote e galope, a cadencia, a nobreza ou a obediencia ao xinete. Xa mañá serán os premios especiais e a entrega de galardóns. 

Este Campionato celébrase novamente coa categoría tres estrelas, xa que por cuarto ano consecutivo a Real Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (ANCCE) concedeulle o máximo nivel neste tipo de competicións, e é clasificatorio para a final do Campionato do Mundo, o cal se celebrará en Sevilla do 18 ao 23 de novembro no marco do Salón Internacional de Pura Raza Española (SICAB). En total neste XI Campionato participan oitenta exemplares de pura raza española, pertencentes a 45 destacadas ganderías procedentes non só da maioría de Comunidades Autónomas españolas, senón tamén doutros cinco países, como son Costa Rica, México, Italia, Francia e Bélxica. Uns datos que converten a esta cita nun dos tres campionatos de España con maior número de participantes e dótana dun gran carácter internacional. 

Ademais do concurso morfofuncional, esta cita ecuestre celebra hoxe tres competicións de doma clásica, coa participación de 50 binomios. Estes son o VII Trofeo Xunta de Galicia-Medio Rural de Doma Clásica, que conta co apoio da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia; a XXVII Copa Accega e o Territorial, este último clasificatorio para o Campionato Galego de Doma Clásica. A súa alta cifra de binomios consolida esta cita como a de maior participación de Galicia no que a doma clásica se refire. 

Así mesmo, nesta xornada continúa celebrándose a II Proba de Equitación de Traballo, a cal deu este ano un salto cualitativo e cuantitativo. Por unha banda, ademais de ser puntuable para os campionatos de Galicia e Castela-León, nesta edición tamén o é para o nacional. Por outra banda, esta cita conta co dobre de participantes que o ano pasado, sumando 15 binomios de Galicia, Estremadura, Castela-León, Castela-A Mancha, Madrid, Aragón e Andalucía. 

Esta modalidade, que xa conta con solicitude oficial para que sexa considerada olímpica, está centrada nas habilidades e destrezas do cabalo para o traballo no campo. Inclúe catro tipos de probas, que son doma, manexabilidade, velocidade e apartado de gando, instalándose para iso varias pontes, obstáculos e material que simula reses para o seu desenvolvemento. 


Conferencia e bautismo hípico 

Este mediodía desenvolveuse tamén en Equina unha interesante xornada con participación de destacados profesionais do sector tanto na propia conferencia como na mesa redonda posterior. Baixo o título “O cabalo, proxección deportiva e condicións de traballo na biodiversidade das ganderías”, contou coa participación de Cristina Vierna, técnica de I+D+i do Centro Tecnolóxico da Carne (CTC) para o desenvolvemento de EUnetHorse, o primeiro proxecto europeo dedicado ao mundo equino para dar resposta a como mellorar a resiliencia e rendemento do sector en Europa. Así mesmo, interveu Judit Anda, presidenta de Expasa e Yeguada de la Cartuja – Hierro del Bocado, unha entidade pública do estado que foi designada en 2019 como Centro Nacional de Referencia Zootécnica e colabora co ministerio de Agricultura no desenvolvemento do programa de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras equinas. 

Ademais, participaron na mesa redonda posterior Miguel Domínguez, vicepresidente de Accega; Juan Carlos Pérez, secretario de Accega e Pedro Fernández, da empresa Ingequus. 

Por outra banda, ao longo da xornada de hoxe continúa en Equina o bautismo hípico. Coa participación de exemplares cun adestramento especial e conducida polo Club Hípico Amazonas, é unha actividade pensada para fomentar a equitación como deporte entre os nenos e tamén para persoas con discapacidade ou alteracións intelectuais e motoras, para as cales o contacto con estes animais supón melloras cognitivas, físicas e emocionais. Outórganse diplomas e medallas aos participantes.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias