El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA | TSXG

O novo presidente do TSXG reivindica unha Xustiza empática que responda as necesidades da cidadanía

15-07-2025 17:06:53
Ignacio Picatoste Sueiras (1i).

REDACCIÓN | O novo presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Ignacio Picatoste Sueiras, reivindicou hoxe, durante o acto de toma de posesión do seu cargo, a necesidade “de ofrecer unha Xustiza empática que responda as necesidades da cidadanía”. Na súa intervención, reiterou o seu compromiso coa “loita contra a violencia de xénero e a atención ás vítimas especialmente vulnerables”, á vez que apuntou tres ideas que pretenden que inspiren o seu mandato: “gratitude, deber e responsabilidade”. 

No acto, presidido pola presidenta do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, Isabel Perelló, Picatoste incidiu na “responsabilidade” dos xuíces e xuízas “na defensa dun poder constitucional independente que aporta seguridade”. Unha seguridade, segundo indicou, como “reforzo e consolidación da evolución e dos logros dunha sociedade aberta no marco constitucional dun Estado social e democrático de Dereito”. Ademais, sinalou a responsabilidade que desde hoxe ostenta como presidente do TSXG na súa función de representación institucional da xudicatura galega. 

O novo presidente tamén se referiu ao “substancial cambio organizativo” que se está levando a cabo na Administración de Xustiza e que “aspira a mellorar as mecánicas de traballo”. Por iso, salientou que os xuíces e xuízas non poden “permanecer á marxe”, senón que deben participar activamente. “Temos que implicarnos e ser oídos”, afirmou. 

Ademais, agradeceu ao CXPX o elixilo, nuns termos que, segundo manifestou, exceden as súas “maiores esperanzas” e que supoñen, á vez, “un inmenso estímulo e unha inmensa responsabilidade engadida á que por si mesma supón ser presidente dun tribunal superior de xustiza”. Picatoste tamén resaltou o labor realizado polo seu antecesor, José María Gómez y Díaz-Castroverde, durante os seis anos que exerceu a Presidencia do TSXG e mostrou a súa gratitude cara a todas as persoas que traballaron con el ao longo da súa carreira, aos colexios profesionais e á Sala de Goberno do TSXG, na que se integrou hai máis de vinte anos. 

Ademais da presidenta de TS e do CXPX e do expresidente do TSXG, formaron tamén parte da presidencia do acto o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes; os presidentes das Salas do Contencioso-Administrativo e do Social do TSXG, Dolores Rivera e Luis Fernando de Castro; e o secretario de Goberno deste tribunal, Juan José Martín. 

Tamén asistiron os membros da Sala de Goberno do TSXG e vogais do CXPX, entre outras autoridades xudiciais e civís, ademais de familiares, compañeiros/as e amigos/as do novo presidente, quen foi amadriñado pola maxistrada da Audiencia Provincial da Coruña María Teresa Cortizas González-Criado.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias