REDACCIÓN | A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou hoxe en Vigo o artista que quedaba por confirmar para coñecer o cartel completo do Galicia Fest, que se celebrará na cidade os días 29 e 30 de agosto co patrocinio da institución provincial. Desde xeito, o artista que completa a programación do Galicia Fest é Dani Fernández, que tal como sinalou Luisa Sánchez “súmase á lista de artistas que actuarán durante a primeira xornada do festival, o venres 29”. A presentación tivo lugar na Estación Marítima de Vigo, concretamente na contorna da escultura do nadador elaborada por Francisco Leiro, xa que tal como tamén anunciou a vicepresidenta da Deputación “este será o punto de acceso ao recinto do festival”.
Sánchez puxo en valor a grande acollida que está tendo Galicia Fest, “para o que xa só quedan entradas no último treito de prezos para a xornada do venres”, e asegurou que “trala noticia que acabamos de dar hoxe estamos seguros de que isto será un revulsivo para a venda das entradas que seguen dispoñibles”. Luisa Sánchez asegurou que “este concerto é unha gran noticia como o é o feito de que Vigo conte por fin cun festival así, non podía ser que Vigo non tivese un festival deste calibre e máis nunha provincia de festivais, á que chegan milleiros de persoas para gozar de citas que xa están consolidadas no circuíto cultural”.
Por esa razón, asegurou, “a Deputación comprométese co Galicia Fest porque queremos que sexa outra desas citas ás que o público non falle, e porque somos unha administración comprometida coa cultura e coa dinamización da cidade de Vigo, polo que sempre apoiaremos iniciativas que axuden a poñer a nosa cidade no mapa”.
Dani Fernández actuará o venres xunto con Mikel Izal (que tamén confirmou Luisa Sánchez o pasado xullo na sede de Vigo da Deputación), Dorian, La Habitación Roja, Samuraï, Sexy Zebras e Éxtasis. Xa o sábado será a quenda de Beret, Leire Martínez, Fredi Leis, Hey Kid, Maldita Nerea, Marlon, Noan e Paula Koops. Ademais do Galicia Fest, a Deputación de Pontevedra tamén apoia este ano na cidade o Underfest Xacobeo, que terá lugar os días 14 e 15 de novembro en diferentes emprazamentos de Vigo e que forma xa parte dos Rías Baixas Fest, unha marca na que se integra xunto con PortAmérica, Atlantic Fest, SinSal, SonRías Baixas e Revenidas.